«Cheguei á meta e esperaba a miña filla coa medalla, foi un cumpre máxico»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE BURELA / LA VOZ

FOZ

JRC

Carla Trillo foi a campioa do Desafío Pura Vida, en Asturias, no día do seu aniversario

28 jul 2021 . Actualizado a las 13:33 h.

Carla Trillo (Burela, 1984) non organizou unha gran festa polo seu cumpreanos, o pasado domingo 18 de xullo. «Cando vin o anuncio da carreira, falando con amigos do club de Lourenzá, un pouco de carallada, pensei: ‘pois sería un bo cumpre’. Moloume moito, a miña parella animoume e propúxenme o reto», conta sobre a súa inscrición ao Desafío Pura Vida Cornellana, en Salas (Asturias), que consistía en facer de maneira consecutiva tres carreiras, unha de 5 quilómetros, outra de 10 e outra de 15.

«Non son de moitas festas nin desfasar, facíame máis ilusión celebrar os anos así», relata a reputada atleta do Ría de Foz, que precisamente non foi de festa, senón que foi a campioa absoluta e volveu á casa con outra boa colección de medallas. Foi segunda da xeral e primeira máster na distancia curta «que xa tiña un par de repeitos esixentes» e completou en 20:54, terceira da xeral e primeira máster nos dez quilómetros (43:39), e terceira da xeral e terceira máster no trail de 15 (1 hora e 51 minutos). «Debía ter uns 700 metros positivos, era moi duro e técnico», repasa a campioa da xeral, cun tempo total de 2:56:18, por diante de Leticia Sandoval e doutra mariñana ilustre nas carreiras, a pontenovesa Ana González Margaride.

 «Era un desafío persoal. Ía co obxectivo de acabalo e desfrutalo e conseguino, a pesar de que facía moita calor», repasa Carla, que ten claro cal foi o mellor momento do seu 37 aniversario: «Cheguei á meta e esperaba a miña filla Laura coa medalla de finiseher. Un cumpreanos máxico».

«Laura é a miña maior motivación. Este deporte para min é unha paixón. Desfrútoo moito, pero tamén son moi competitiva, quero gañar sempre. Dela, e máis da miña parella, que me apoia en todo, saco forzas», relata unha corredora afeita a subirse aos podios desde a súa volta a unhas competicións que sufriron paróns pola pandemia.

«Hai catro anos que empecei a correr. Para min foi unha vía de escape. Tiven un baixón persoal e refuxieime no deporte»

«Hai catro anos que empecei a correr. Para min foi unha vía de escape. Tiven un baixón persoal e refuxieime no deporte», explica Carla Trillo, que preparaba a Xove Costa Trail cando chegou o confinamento. «A miña última carreira fora en Salas, despois ía facer a Xove Costa Trail e confináronnos, e precisamente volvín competir por primeira vez coa pandemia en Salas», replica sobre a súa volta triunfal. Apenas unha semana antes do Desafío Pura Vida de Cornellana foi a subcampioa feminina do Trail das Bestas de 27 quilómetros, en Muras.

«É que estas carreiras teñen un ambiente espectacular. Ao Desafío Pura Vida fun con xente marabillosa e dábanme moitos ánimos. Como non sabían como me chamo, pola camiseta do Ría de Foz berrábanme: ‘Vamos, Foz!’. Son de Burela, pero síntome moi a gusto neste club, somos como unha familia. Trátannos de luxo tanto a min como á miña filla, que tamén adestra con eles», explica a burelense Carla Trillo.