Chega a Foz a exposición «Aquela nena de Sarria», en lembranza de Xela Arias

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

Lois A. C.

A mostra, co gallo das Letras Galegas, abre as súas portas no Cenima este venres 14

13 may 2021 . Actualizado a las 12:17 h.

A Concellería de Normalización Lingüística de Foz anuncia a inauguración da exposición «Aquela nena de Sarria» para conmemorar o Día das Letras. A mostra, elaborada polo colectivo Egeria en colaboración co Concello de Sarria e a Real Academia Galega, permite honrar a Xela Arias no ano en que esta última institución lle dedica o Día das Letras Galegas.

O concelleiro focense Francisco Xavier Fanego lembra que a mostra poderá visitarse no Cenima a partir deste venres. Está composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. «Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu ano», explica.

A exposición inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias. Pode ser visitada dende este venres, día 14, ata o 25 no Cenima, en horario de 9 a 14 e de 18 a 20 horas.