Foz adxudica obras no casco e parroquias que serán executadas a comezos do 2021

La Voz FOZ / LA VOZ

FOZ

As obras nos viais faranse con cargo a fondos propios do Concello

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Foz continúa co traballo administrativo a finais do mes de decembro e procedeu á contratación de distintas obras con fondos propios, que se levarán a cabo a comezos do ano 2021. O alcalde, Fran Cajoto, explica: «Desde que adquirimos a responsabilidade de goberno vimos realizando un traballo sensato e constante, ordenado. Co Plan de Mobilidade, que se encontra en proceso de redacción,

pretendemos que unha planificación integral do concello e do casco urbano mellore os desprazamentos de tódalas veciñas e veciños e fagan un Foz máis cómodo e amable, tamén para os visitantes. Non podemos recaer en erros do pasado que causaron un auténtico caos circulatorio en

Foz, como as dúas rúas principais na mesma dirección».

Con fondos propios destinados ao arranxo de viais vanse realizar distintas obras que foron contratadas neste mes de decembro e que comezarán a executarse a principios do 2021. Son as diferentes obras que se mencionan nesta mesma páxina.

Urbanización da rúa Xulia Minguillón

Entre as obras, o Concello contempla a urbanización e mellora de accesibilidade na rúa Xulia Minguillón, que serve de conexión entre as rúas Corporacións Municipais e Cervantes -prolongación da Avenida de Asturias- e ten soamente beirarrúas na metade da súa lonxitude e un firme que presenta moi mal estado de conservación. Moi empregada tanto por vehículos como por peóns, vanse dispoñer beirarrúas en toda a lonxitude da rúa por ambas marxes e renovar o firme, que se encontra en mal estado, garantindo a accesibilidade a veciños da zona. Terase en conta tamén a ampliación dos distintos servizos e disporase unha nova canalización para a mellora do alumeado público, que se executará nunha segunda fase. Esta actuación contratouse por 28.350 euros.

Asfaltado de camiños veciñais nas parroquias

Farase un asfaltado de camiños veciñais nas parroquias. Actualmente hai distintos camiños públicos de titularidade municipal que serven de acceso a vivendas e que teñen un firme en zahorra ou terra, sen asfaltar. Isto presenta un gran inconvinte para as veciñas e veciños, especialmente en época de inverno, na que se complican moito as circulacións diarias. Os viais asfaltaranse cunha dobre rega asfáltica sobre base de macadam, previo perfilado dos mesmos e limpeza de cunetas e taxeas. Os viarios sobre os que se actuará están situados en Vilaronte (camiño Vilarmea, en Mañente; zona do Punto Limpo, en Escanlar; e Espiñeirido, na Espiñeira), en Nois (zona de Trasmonte e Cabanas-Carpacide) e en Cangas (Camiño do Muíño, en

Alamparte). Estas obras contratáronse por case 22.000 euros.

Melloras na sinalización horizontal

O Concello tamén fará melloras de sinalización horizontal en aglomerados feitos en anos anteriores en diversas rúas do casco urbano nas que non se repintaron liñas e pasos de peóns, provocando unha situación de inseguridade a todos os viandantes, xa que desapareceron as marcas viais e, polo tanto, tamén unha zona de paso segura para cruzar as rúas. Isto acontece por exemplo na rúa Concepción Arenal ou na rúa Pascual Veiga. Noutras moitas rúas, como na do Pilar ou na rúa de Fondós, os pasos de peóns encóntranse moi deteriorados co paso do tempo.

Noutros casos, como nas rúas de Alfoz e do Valadouro, recentemente renovadas, está pendente dispoñer a sinalización horizontal. Para todos estes casos, contratouse o pintado por un importe total de 9.900 euros.

Máis seguridade no parque Martínez Otero

Outra das actuacións contempladas polo Concello focense é a substitución da varanda do parque Martínez Otero na confluencia coa rúa Paco Maañón, que está moi deteriorada, presenta un estado perigoso e con ferruxe, e está localizada nunha zona onde se concentran a diario moitos cativos.

 

Investimento

Desde o Concello explican que foi obxecto incluso de mocións plenarias en anteriores lexislaturas. Procedeuse á contratación da fabricación e instalación dunha nova varanda, galvanizada en quente e lacada, que ofreza seguridade a todas as nenas e nenos que van xogar ao parque, explican. A nova varanda suporá un desembolso de case 4.150 euros, avanzan desde o Goberno local focense.