«Tiña o 'molde' preparado para festas e verbenas pero houbo cambio de plans»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ/LA VOZ

FOZ

CEDIDA

O covid-19 aportoulle a Pablo Cid, á fronte da empresa e artes gráficas Touche, un «bum» de traballo

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cumprir quince anos de actividade empresarial e facelo no medio dunha pandemia é un éxito en si. Ogallá, polo menos, dentro de cinco ou outros dez anos repitamos a entrevista porque Touche, con sé en Foz, celebra os 20 anos ou as vodas de prata. Á súa fronte o barreirense Pablo Cid, quen se sinte afortunado por cumprir un soño que lle parecía «inalcanzable»: traballar no que se especializou (estudou na Escola de Artes e Oficios de Lugo) e facelo ao pé da casa.

—Que balance fai destes 15 anos?

—Moi ben! Se lle teño que dar unha nota do un ao dez, eu doulle un once!

—De 15 anos atrás a hoxe, canto mudou o sector?

—Deu un xiro de 180 graos. Cando empecei había uns materiais e todo xa moi dixital pero nada que ver co traballo de agora, con estes acabados, estes materiais e as rapideces que hai agora. O que máis resalto é que isto cada vez ten que ser un pouco máis rápido, cada vez un pouco máis rápido... Aparte do ano desastroso que nos tocou, tiven que cambiar unha máquina e arranxar outra, foron gastos superfluos.

—Como se adapta ás novidades que determina o mercado?

—Este é un sector no que tes que estar sempre á última, tanto en calidades como no tema informático, coas máquinas... Teño tres ordenadores e catro máquinas, ata deseñei un tipo de modelo para min só. Sobre todo, a miña clientela son particulares, vencellados a verbenas e festas, e do mundo da hostalería. Ao ter un sistema de traballo no que son eu só, é distinto do que ten empregados e cousas grandes detrás.

—Como se adaptou á situación do covid, que cambiou no seu traballo e como afronta o futuro?

—Adapteime coma todo o mundo, a trancas e barrancas, pero é certo que tamén con moita actividade relacionada co covid: sinaléticas (sinais, pegatinas, carteis sobre como hai que moverse, gardar as distancias, esperar o turno, onde está o hidroxel...) para moitos locais de hostaleira, e tamén de talleres de coches.

—Quere dicir que os protocolos a seguir foron un bum de traballo para Touche nestes tempos?

—A pesar dos pesares, de Semana Santa a agora enganchei unha recta na que puiden poñer o traballo a 300 por hora. Por dicilo coloquialmente, tiña o «molde» preparado para festas, verbenas... por exemplo, estes días co asunto do Carme tería que estar eu aquí preparando cousas, relacionado tamén coas alfombras florais como plantillas para que a xente fixera os seus deseños, etc... pero este ano houbo cambio de plans: sinais e carteis do covid para dirixir e organizar a xente.

—Pasamos ao sector dos drons, que tamén traballa hai anos.

—É algo que me fascina; xa levo tres drons. Empecei a finais do ano 2016, saquei o carné teórico no 2017 e o práctico máis o resto de papeis, no 2018.

—Hai anos falábanos dos baleiros lexislativos. Segue habendo?

—Agora estase coa nova normativa, dependendo do uso do dron. Profesionalmente, a min pídenmo máis en obra, para despois utilizar as fotografías por exemplo en infografía. Ou ven un cliente en tema de seguros e pide por exemplo unhas fotos ou un pequeno vídeo para ver se están as chapas rotas do tellado.

Pablo Cid destaca tamén a gran utilidade dos drons en caso de rescates e emerxencias.