«Co Plan Único fomentaremos o emprego para reactivar a economía das familias»

O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, destaca as medidas sociais adoptadas nesta crise e defende o protagonismo da vila como referente turístico en Galicia


FOZ / LA VOZ

O alcalde de Foz apela continuamente á responsabilidade cidadá e a manter o distanciamento social porque cre que é fundamental para afrontar esta crise do covid-19 que nos obriga a buscar un equilibrio. Francisco Cajoto (Foz, 1983) recoñece que os últimos dous meses e medio foron de moito traballo, con moita regulación, suxeitos ao BOE, DOG... «Temos que seguir traballando para buscar o equilibrio entre garantir a sanidade, velar pola seguridade cidadá, permitir a reapertura de negocios para reactivar a economía... Desde o Concello estamos pensando en medidas urbanas que podemos levar a cabo no verán para priorizar ese distanciamento e para evitar aglomeracións que puideran constituír un foco de contaxio», explica o rexedor socialista.

-Nos últimos días anunciaron a suspensión de festas e eventos multitudinarios en todo o municipio ata outubro. Teñen prevista algunha medida a maiores?

-Anunciamos a suspensión de eventos para evitar aglomeracións. Non podemos garantir un aforo nunha verbena. Foi unha decisión moi difícil, que perxudica a varios sectores, pero que tivemos que tomar. Desde o Concello temos a obriga de garantir seguridade e que a referencia turística de Foz se vexa danada o menos posible, por iso estamos deseñando unha alternativa cultural e de ocio, con cine, teatro, actuacións menores... que nos permitan ter ambiente, pero que Foz sexa un sitio agradable para pasear e non masificado. Imos priorizar que nos espazos públicos a xente poda camiñar e circular con tranquilidade. Iso implicará cortes parciais de tráfico no casco. Nas praias estamos estudando como actuar, creando accesos de sentido único, reforzando a cartelería informativa, delimitando zonas para paseo... Temos que apelar á responsabilidade individual. Continuará o Festival Bal y Gay, que permite garantizar o aforo ao ser butacas numeradas, e a concelleira de Deportes, do BNG, está traballando en diferentes alternativas, pero sempre pensando en poder garantir o distanciamento social.

-A pesares da situación actual, hai previsión de que Foz, con numerosas segundas residencias, reciba a moitos visitantes este verán. Teñen solicitado reforzo de medios e servizos a outras Administracións?

-Sempre pedimos reforzo. Confiamos en que a Garda Civil incremente na zona de costa os seus efectivos e, con respecto á Policía, estamos en proceso para seleccionar a dúas persoas para reforzar a plantilla. Quero destacar o traballo da Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

-Que valoración fai da acollida das medidas fiscais, económicas e sociais anunciadas e executadas polo Concello nesta crise?

-Estamos satisfeitos pola boa acollida que tiveron. Quixemos acompañar a todos os negocios que tiveron que pechar polo estado de alarma coa exención de impostos de terrazas e do lixo, á hora de retrasar tamén o pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e do imposto de circulación de vehículos... no que respecta a facilitar o aprazamento a todos os que o pediron. Tamén estamos centrados en contribuír a reactivar sectores económicos de forma responsable. Daí estes eventos que queremos que contribúan a que Foz siga sendo un referente. A idea é que sempre haxa movemento, pero que non se concentre nunha única xornada. Os visitantes téñennos que escoller pola calidade do destino turístico e non por ofrecer un evento de grandes características.

-Que proxectos teñen?

-Imos investir máis diñeiro no fomento do emprego. Agardemos que pronto se resolvan as subvencións para contratar socorristas, persoal de Risga para determinados servizos... Tamén con fondos do Plan Único fomentaremos o emprego para reactivar a economía das familias.

«É necesario que a Xunta reforce servizos no centro de saúde e no hospital no verán»

Para Cajoto tamén é prioritario, e máxime en plena pandemia, que as Administracións sanitarias reforcen servizos tamén no verán. En días pasados remitiulle unha carta ao presidente da Xunta para preguntarlle polo plan organizativo da Consellería de Sanidade. «É necesario que a Xunta reforce servizos no centro de saúde e no hospital mariñao no verán. Esperemos que non deixe abandonados aos Concellos», matiza o rexedor, prevendo unha importante afluencia de turistas á comarca: «Necesitamos persoal sanitario de reforzo e no centro non chega un único facultativo. Por agora non recibín contestación, pero máis que resposta o que agardo é que se nos dote dos medios humanos e materiais (mascarillas, epis...) que necesitamos. No centro de saúde necesítase un protocolo claro e unha zona habilitada para supostos casos de covid-19, necesitamos maior dotación de camas no hospital, na uci... Esa carta debe ter resposta.

-Que relación manteñen coa patronal do comercio local?

-Mantemos contacto fluido co CCA-ACIA. En vésperas de entrar na fase 2, máis locais se irán sumando a reabrir. Quizais sexa duro economicamente, pero a mellor maneira de reabrir é a paulatina, por seguridade.

-Xa foron autorizando ampliacións de terrazas de hostalería...

-Si. Analizamos caso a caso, pero valorando que non se mermen os espazos para peóns en beirarrúas e garantindo que non haxa riscos para clientes das terrazas. Tamén no Concello se foi reactivando a atención presencial, con todas as medidas de seguridade.

«O banco de alimentos e as medidas de emerxencia seguen sendo necesarias»

-Como afronta un alcalde esta situación de crise sanitaria e económica?

-Sobre todo coa incertidume que che trasladan moitas veciñas e moitos veciños do municipio. Moitos deles preocupados polos seus empregos, con moitas dúbidas sobre como poderían reabrir os seus negocios... preocupados pola incertidume de non poder planificar cal sería o seguinte paso.

-Seguen adiante no Concello coas medidas de carácter social aplicadas durante este período?

-Cada vez son menos necesarias as medidas educativas extraordinarias que houbo que adoptar, pero, desde logo, o banco de alimentos e as medidas de emerxencia seguen sendo necesarias, máis que nunca. No banco de alimentos chegamos a cuadruplicar ou quintuplicar a poboación que viñamos atendendo antes da crise. A nosa idea é acompañar á poboación fomentando medidas de emprego para reactivar a economía das familias.

«Vemos Foz como un destino turístico amable, seguro. Traballamos para que sexa así»

-Como planifican a tempada de praias no municipio?

-Polo momento non contemplamos medidas para xa. Estamos analizando posibilidades e medidas a adoptar nas praias de cara aos meses fortes do verán. Un problema á hora de planificar é non saber os socorristas que nos vai dar a Xunta. O tema da desinfección de baños vai ser importante. Nós vemos a Foz como un destino turístico amable, un destino seguro. Traballamos todos para que sexa así. Hai que insistir en que se respecten as normas sanitarias, apelando ao distanciamento e a que a xente leve mascarilla en sitios públicos.... Grazas aos esforzos da poboación fomos pasando de fases.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Co Plan Único fomentaremos o emprego para reactivar a economía das familias»