O certame de declaracións de amor Lingua de Namorar falla seis premios

La Voz REDACCIÓN

FOZ

Acto de entrega da edición do 2017
Acto de entrega da edición do 2017 PACO RODRÍGUEZ

A entrega dos galardóns celebrarase cando o permitan as condicións sanitarias

06 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O certame Lingua de Namorar para as mellores declaracións de amor en galego, promovido pola Xunta para dinamizar o uso da lingua entre a mocidade, xa ten gañadores. Na primeira categoría, para participantes de 14 a 19 anos, o primeiro premio foi para Nee Barros, de Marín, con Retórica, mentres que o segundo foi a parar a Primavera, presentado por Ana Loureiro, de Caldas de Reis. Houbo tamén un terceiro galardón, que recaeu en Ao altar, de María Femenías, de Foz.

Na segunda modalidade, para concursantes de 20 a 35 anos, os distinguidos foron, en primeiro lugar, Ataraxia, de Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas; en segundo, Un vinilo dos Dire Straits, de Denís Vicente, da Guarda; e o terceiro, para Fuxitivas, de Silvia Pérez, tamén da Guarda.

O xurado tivo que reunirse por videoconferencia e estivo formado por Rosalía Morlán, en calidade de presidenta, mais Hugo Lozano, Nerea Pallares, Alicia Padín, Nancy Domínguez e Beatriz Corral.

A entrega dos galardóns, como xa vén sendo habitual dende que comezou a crise dos coronavirus, terá que celebrarse cando as condicións sanitarias o permitan. As mensaxes gañadoras e as outras 213 que concorreron ao certame poden lerse en www.xuventude.xunta.gal. En total, votaron 566 internautas.