Unha carreira con causa

Iván Díaz Rolle
Iván Díaz AO FÍO

FOZ

06 abr 2020 . Actualizado a las 20:29 h.

Nunca fun moi amigo de correr. Durante a miña case sedentaria vida universitaria saír a trotar converteuse nunha especie de penitencia que me autoaplicaba cando me sentía moi mal comigo mesmo tras tres semanas sen facer deporte.

Sen embargo, neste oficio a curiosidade é innata. Por iso, canto máis de preto seguía algunhas competicións máis curiosidade tiña por elas e por vivilas desde dentro. Iso traducíase nunha conversación recorrente cada ano de cea cos amigos na noite anterior á Camovi.

-O ano que vén facémola.

-E senón o seguinte...

O caso é que este ano por fin foi verdade. Puxémonos a adestrar con certa regularidade e apuntámonos á carreira de 21 quilómetros. Pouco a pouco collín o gusto a correr. Axudoume a sentirme mellor e incluso progresei.

O encerro, ademais de retrasar para o 2021 o eterno obxectivo da Camovi, devolveume ás rutinas sedentarias.

A iniciativa do Ría de Foz este domingo, ademais da súa innegable aportación solidaria, demostra aos túzaros coma min que o confinamento non é unha escusa para aparcar o deporte.

Despois de tres semanas parado, volvín poñer roupa de deporte, e volvín suala. Corrín uns corenta minutos nun xardinciño de apenas trinta ou corenta metros cadrados. E que ben me sentín! Porque estar na casa non debe ser unha escusa para perder as boas costumes que a algúns tanto nos custou adquirir, e, sobre todo, porque os meus cinco quilómetros supoñerán cinco quilos de comida para xente que de verdade o precisa nestes momentos duros.