O instituto de Foz súmase á loita para frear o uso do plástico

É un dos centros galegos que traballa con todos os seus alumnos para evitar a contaminación


Carballo / la voz

A guerra ao plástico é toda unha realidade. Nos fogares e nos centros educativos. Un dos institutos que, durante o presente curso escolar, se sumou ao reto é o IES de Foz. Baixo o paraugas do programa medioambiental Voz Natural seguen dando pasos co lema: Apostemos pola redución e o reciclado dos plásticos.

«Aquí impártese o ciclo de Hostalería e atopámonos con que, moitas veces, os produtos que nos enviaban as empresas viñan en plásticos. Así que empezamos por aí, para tratar de conseguir que esas firmas realizasen outro tipo de envíos. E, nalgúns casos, si estamos conseguindo progresos. Os propios alumnos están vendo a importancia de incidir neses aspectos. Iso no tocante á esa formación profesional», detalla José Antonio González, docente do centro e coordinador dos proxectos Voz Natura desde o seus inicios. No caso do ciclo da ESO, engade, «temos algunha saída prevista na zona das praias e zona de ríos para facer recollida selectiva, especialmente de plásticos», Os seus alumnos, asegura, «están moi concienciados». Na cafetería do centro, por exemplo, «xa se dan situacións nas que se reclaman cambios por parte deles mesmos».

O IES de Foz leva, «polo menos 21 ou 22 anos, de forma consecutiva, colaborando con este programa» porque «desde o centro consideramos este tipo de cuestións como aspectos fundamentais na educación». No inicio xa estaba González: «Chegamos unha serie de mestres novos e, nos centros dos que procediamos, xa estabamos realizando cousas con Voz Natura». Foi desembarcar no instituto de Foz e sumarse tamén ao programa. «O que fixemos foi continuar con ese traballo aquí». Pero, como mudaron as cousas nestas dúas décadas? «O cambio foi importante, da mesma forma que houbo cambios a nivel educativo, tamén os houbo nisto. Pasou de ser algo anecdótico a que isto sexa moi importante, tanto para o equipo docente como para os alumnos. A conciencia que hai agora sobre os temas de reciclaxe e medio ambiente non ten nada que ver co que tiñamos hai 20 anos». Por iso, González se mostra optimista e subliña que «falta moito, pero estamos no camiño. Houbo un gran cambio e foi para ben».

Plantación de árbores e horto escolar en activo

Dúas décadas dan para moito. E no IES de Foz aproveitaron estes anos de vinculación co programa Voz Natura. «Cada ano nos indican o tema a tratar e isto paréceme moi ben porque é unha forma de que se traballe de forma conxunta a toda Galicia. Neste tempo, tratamos o tema da recuperación do bosque autóctono, fixemos un xardín e un invernadoiro con horto escolar. Os alumnos plantan e recollen. E despois utilízase nas nosas cociñas, o ciclo completo. Tamén realizamos catalogación de muíños da zona e unha plantación de árbores autóctonas, algunhas delas xa cun porte importante».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O instituto de Foz súmase á loita para frear o uso do plástico