Inma López Silva, «Matria» e a charla de dúas policías no Mes da Muller en Foz

l. r. FOZ / LA VOZ

FOZ

Milagros Louzán, nova concelleira de Igualdade de Foz, que tomou posesión do cargo días antes do 8M
Milagros Louzán, nova concelleira de Igualdade de Foz, que tomou posesión do cargo días antes do 8M PEPA LOSADA

A nova edil de Igualdade, Milagros Louzán, destaca que explicarán «atrancos e logros»

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, pero é un só día, e é imprescindible poñer á muller «no lugar no que merece» os 365 días do ano. Con esa idea traballa a nova concelleira de Igualdade de Foz, Milagros Louzán, que accedeu ao cargo tres días antes do 8M. «Foi todo un pouco precipitado. Estaba traballando con Galegas 8M e a toma de posesión pilloume no medio, cando xa tiñamos moito do traballo avanzado cara á manifestación de Foz, que se celebrou o domingo e que quedou algo escasa. O labor de Galegas 8M é importantísimo, pero chega a onde chega, e as Administracións deben colaborar máis», sinala Louzán, que este luns deu a coñecer a programación do Mes da Muller en Foz.

Mañá mércores a escritora Inma López Silva dará unha charla sobre a súa traxectoria e presentará o libro autobiográfico Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Sete días despois, o 18 de marzo, proxectarase a curtametraxe Matria, de Álvaro Gago, e o mércores 25 dúas policías locais do Concello de Foz falarán de diversos aspectos do seu traballo. Todas as actividades terán lugar na Casa da Cultura de Foz a partir das 20.00 horas. «O que quero é que cada vez veñan máis mulleres falar do que fan no día a día, e menos falar de cuestións de feminismo», indica Louzán, que aposta por que as mulleres se valoren máis. «Que pensen: “Son muller e fago cousas, e fago cousas moi importantes”. Es unha profesional que desempeñas o mesmo traballo que desempeña un home», expón. Nesa liña, subliña que Inma López Silva falará sobre a súa experiencia como escritora, e que despois da proxección de Matria haberá unha mesa coloquio sobre o papel das mulleres no mundo do mar na que participarán redeiras, entre outras. «Esta curta fala dunha muller que sobrevive nun sistema que podería chamarse de matriarcado, facendo grandes esforzos persoais, traballando nunha conserveira», conta a concelleira.

O proxecto concluirá coa conferencia que ofrecerán dúas policías focenses, que mostrarán a súa opinión sobre a sociedade como mulleres expertas no seu traballo. Milagros Louzán agradece a colaboración de todos os compañeiros do equipo de goberno, pero especialmente da tenente de alcalde Inés López Couto. «Axudoume un montón. Tiña xa moitas cousas pensadas», revela.

Medidas a favor da conciliación

Un dos proxectos que a motivan é o de poder contribuír a mellorar a conciliación nas familias de Foz. «Implantar se é posible medidas de conciliación antes do colexio e despois do colexio», comenta, e destaca que para poñelas en marcha é fundamental a colaboración do resto de concellerías de Foz. «Ao final, as mulleres estamos ao cincuenta por cento no mundo, pero como non lle damos valor a moitas cousas as cuestións da muller quedan un pouco máis relegadas», comenta.

Mércores 11: Charla da escritora Inma López Silva, que presentará «Chámame señora, pero trátame coma a un señor». Ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

Mércores 18. Proxección da curta «Matria», de Álvaro Gago, e mesa coloquio sobre mulleres no mundo do mar

Mércores 25. Charla de dúas policías locais do Concello de Foz.