Daniel Irima: «A min apetéceme caldo sempre»

É a nova cara de Vivamos como galegos! e xa son moitos os que lle teñen cariño máis alá de Foz. «Estou emocionado», confesa Daniel, un rapaz que estuda para profesor sen parar de sumar seguidores


1. Para ti que é ser galego?

O galego perfecto non existe, pero penso que o que máis se achega é unha persoa que recoñeza a identidade de ser galego, que non se avergonce de que somos unha comunidade fundamentalmente rural e que recoñeza as nosas raíces. Tamén que practique o uso da nosa lingua.

2. E tamén con moita morriña, non?

Claro. A min pásame que se teño un problema ou se me pasa algo fóra da casa pois non o asimilo tan ben. A xente que por traballo vive noutras cidades son igual de bos galegos, precisamente co anuncio moitos comentan que lles espertou de novo a morriña.

3. Que comida non che pode faltar?

A min apetéceme caldo sempre, pero a un bo polbo ou a unha mariscada nunca se lle digo que non. Ha, ha, ha.

4. Tes un máster en Profesorado, estudaches Bioloxía, es adestrador persoal e agora tamén actor.

Si, agora estou estudando para ser profesor de secundaria. Estaba bastante centrado ata que agora saíu o anuncio e me desbordou un pouco.

5. Subíronche xa os seguidores en Instagram?

Pois igual en 24 horas pasei a ter uns 200 ou 300 máis. Estou alucinando.

6. Teus pais están igual de sorprendidos?

Eles sempre me dixeron que fose eu mesmo na vida, que non me deixara levar por outros, e parece que agora con isto estoume vendo recompensado.

7. Como chegaches a protagonizar este anuncio?

A miña amiga Mary díxome: «Dani, vin un anuncio de que buscan prota para un spot de Galicia con aire canalla e galegofalante, e pegas ti. Apúntate». E eu: «Pero, por Deus! Non son actor, non vai funcionar». O caso é que mo pediu por favor e díxenlle que si.

8. Non esperabas para nada ser o escollido.

Que va! Enviei as fotos e un vídeo e respondéronme que me terían en conta para a proba, e xa pensaba que nada, pero contactáronme dicindo se podía ir á Coruña, e alá fun con meus pais. Ao día seguinte chámanme e dinme: «Xa temos prota para o anuncio». E sóltanme: «Es ti». Quedei flipando.

9. É o teu anxo da garda.

Si, é a miña mellor amiga. Fixémonos moi amigos dende que teño a miña cadela, Brisa, porque a ela gústalle moito. Sempre lle pregunto que opina dunha rapaza ou doutra. A ver se vou encontrar a muller da miña vida por ela e eu perdendo o tempo [risas].

10. Que foi o máis difícil de facer no anuncio?

Son unha persoa bastante espontánea, e a verdade é que cando me vin o día da rodaxe vestido ao estilo C. Tangana, sentado na butaca e coas cámaras, en vez de virme abaixo vinme arriba, e saíu ben.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Daniel Irima: «A min apetéceme caldo sempre»