«Debuxo o Foz antigo, cando era un pobo de mariñeiros e non parecía un mamotreto»

Lucía Rey
lucía rey FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

Ata o 30 de xullo estará aberta unha mostra con 24 paisaxes e retratos a carboncillo

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A flexibilidade horaria do seu traballo como funcionario de Correos permitiulle a Juanel Ponte Forés (Ribadeo, 1949) cultivar durante décadas unha afección que sempre lle levou «a vida», e grazas á que sempre estivo rodeado de amigos que debuxaban. «Tiven moita amizade con López Guntín, un pintor de Lugo que viña veranear a Foz e sempre me botou unha man, e fun íntimo de Suso Peña, que era un debuxante como a copa dun pino do que aprendín moito», revela este apreciado debuxante autodidacta que este mércores inaugurou unha exposición con 24 obras a carbonciño no Cenima de Foz. Estará aberta ata o 30 de xullo de 19.30 a 22.00 horas.

-En que se inspira á hora de coller o lapis?

-Gústame moito o mar, a xente de mar, os mariñeiros. Debuxo Foz como era antigamente, cando era un pobo de mariñeiros cunha ribeira preciosa e un encanto especial, e non parecía un mamotreto cheo de casas unhas encima doutras. Retrato esa nostalxia porque agora Foz xa non se dedica ao mar. Teño algúns debuxos co Xesús Nazareno, aquela lancha na que afogaran 12 persoas que case todas eran familia, pais, fillos, primos... No pobo enteiro eran familiares uns doutros. Precisamente estes días conmemorouse o aniversario dese afundimento.

-Todos os debuxos son en branco e negro?

-A miña técnica é carbonciño e lápiz de grafito, aínda que a catro ou cinco debuxos desta exposición despois dinlles cor con lápis de cores ou con acuarelas.

«En Facebook teño máis de 2.000 amigos aos que lles mando sempre os debuxos que fago»

Juanel anima á xente a visitar a súa mostra no Cenima. «Un sitio cunhas instalacións que están moi ben e unha sala de exposicións que é preciosa, unha pasada», di, pero que ao que non acode tanta xente como podería. «Entre que queda nun piso alto e o pouco costume que hai de acudir ver exposicións, fai que se hai unha sardiñada, a xente prefira ir á sardiña e pasar de largo da exposicións», reflexiona o debuxante, que pese a todo se mostra moi contento coa acollida das súas obras. «Teño a vantaxe de que me coñece moitísima xente porque fixen exposicións en Ribadeo, Burela, Viveiro, colectivas en Asturias... En Facebook teño 2.000 e pico amigos aos que lles mando sempre os debuxos. Ás miñas exposicións vén a xente de a pé, á que lle gusta verse reflexada no que se ve porque lles fago as súas casiñas, os seus barcos, a nosa terra galega, os labradores na terra...», comenta.