Biólogos, fotógrafos e arqueólogos falarán en Foz da Mariña somerxida

l.r. FOZ / LA VOZ

FOZ

CEDIDA

A xornada terá lugar no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz o sábado 22 de xuño

07 jun 2019 . Actualizado a las 22:02 h.

Facer visible «a enorme biodiversidade mariña da costa lucense e ser un referente na divulgación dos valores naturais e de conservación do litoral» é o obxectivo da xornada «A Mariña somerxida» que se celebrará no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz o sábado 22 de xuño. Expertos no medio mariño como biólogos, fotógrafos, arqueólogos subacuáticos e conservacionistas presentarán diferentes ponencias nas que se abordarán as características do que a organización cualifica como «enclave único situado na fronteira entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico», con aproximadamente cen quilómetros de litoral que albergan una gran diversidade de especies mariñas para moitos descoñecidas.

Interesantes ponencias

A xornada, que será aberta ao público e con entrada libre, dará comezo ás 09.30 horas. Ás dez, María Carmen Cobo Llovo dará a charla «Poñendo nomes ás especies, primeiro paso para o estudo da biodiversidade». Unha hora máis tarde, ás once, Ricardo Roberto Fernández falará sobre fotografía submarina. Despois dunha pausa, David Fernández Abella e Fernando Patricio Cortizo analizarán o patrimonio cultural asolagado na Mariña, posto que a comarca ten unha rica historia vinculada ao mar. «Falaremos de naufraxios, patrimonio material e inmaterial somerxido e outras historias rescatadas dos nosos fondos mariños», indican os promotores. Cerrará as sesións João Rodrigues coa ponencia «Fotografar para conservar», na que se tratará o papel da fotografía como ferramenta de conservación ambiental. Promove a cita o GALP A Mariña-Ortegal baixo a organización da empresa Maremasma.