Humberto Cao: «O fútbol gaélico engancha, todo o que proba repite»

I.MEITIÍN BUJÁN

FOZ

miguel souto

Cao foi un dos fundadores do Britonia FG, que organiza este venres en Xove a Copa Galicia da modalidade

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na curiosidade está a orixe do primeiro equipo mariñán de fútbol gaélico: o Britonia FG. Foi esa a razón que impulsou a Humberto Cao (Foz, 1985) e ao resto de fundadores a descubrir un deporte no que Galicia é unha potencia e chegou a proclamarse subcampioa do mundo.

-Como e cando teñen a idea de formar un equipo de fútbol gaélico?

-Isto vén xa do verán pasado. Como case toda a actividade está na zona atlántica, a asociación galega está tratando de expandirse a outras comarcas e foi un rapaz de Santa Cilla (Foz), que xoga no Estrela Vermelha de Santiago, o que nos plantexou a posibilidade. A maioría de nós apenas tiñamos coñecemento deste deporte, eu persoalmente só sabía que tiña certas similitudes co fútbol australiano, pero un pouco por curiosidade decidimos probar e aquí estamos. O fútbol gaélico é un deporte que engancha, todo o que vén probar acaba repetindo

-En que punto está agora mesmo o club?

-Estamos no período de promoción e captación de xogadores, facendo visitas polos centros educativos para dar a coñecer o fútbol gaélico. Só faltan os asuntos burocráticos para constituír formalmente o club e pasar a formar parte da asociación galega

-Cantos xogadores son na actualidade?

-Nestes momentos somos nove, o número mínimo que esixen para disputar un partido, e adestramos con certa regularidad nos campos de Cangas de Foz e de Xove. Mesmo xa disputamos algún torneo...

-E que tal a experiencia?

-Fantástica. Quedamos todos encantados e disparáronse as nosas ganas de sacar adiante e darlle estabilidade a este proxecto.

-Piden algún requisito para sumarse ao equipo?

-O único que impón a asociación galega é ser maior de 16 anos. Un menor de idade pode competir na liga sénior con unha autorización paterna. Esperamos cos brazos abertos a novos xogadores, non se van arrepentir.

-Que é o máis difícil de aprender para converterse en xogador de fútbol gaélico?

-Facerse xogador de fútbol gaélico. ¿Que quero dicir con isto? Perder os vicios que todos traemos adquiridos doutros deportes. É verdade que ten habilidades doutras diciplinas como o fútbol, o baloncesto ou memo o voleibol, pero ten moitos detalles que o fan máis complexo.

Os catro mellores equipos femeninos e masculinos de Galicia compiten en Xove

O novo club mariñán encárgase de organizar este venres en Xove a nova entrega da Copa Galicia masculina e feminina na que estarán representados os mellores clubs galegos na actualidade. A competición desenvólvese no campo anexo ao estadio municipal de fútbol xovense.

A posta en escena correrá a cargo dos aspirantes femininos. Ás 12.00 horas disputarase a primeira semifinal entre o Heredeiras de Dhais (Lalín) e o Auriense Campus da Auga (Ourense), e a continuación (12.40) enfrontaranse o Fillas de Breogán (A Coruña) e o Estrela Vermelha (Santiago). Deseguido, e ata ás 14.00 horas, xogaranse as semifinais da categoría masculina: Estrela Vermelha-Auriense Campus da Auga e Cambados-Heredeiros de Dhais. Os partidos polo terceiro e cuarto posto comezarán ás tres e media da tarde e as finais terán lugar a partires das 17.00 e das 18.00 horas.