«Estas son as nosas eleccións. Podemos render contas coa conciencia tranquila»

A nova depuradora e a urbanización de dúas rúas e dunha praza, dous dos proxectos que cre prioritarios


FOZ / LA VOZ

O actual rexedor focense Javier Jorge Castiñeira repetirá en maio como candidato do PP á alcaldía. Este xoves tivo lugar a súa presentación nun acto no que estivo arroupado por compañeiros de partido, veciños, amigos e por familiares.

?¿Cales son as diferenzas entre estrearse como candidato no 2011, volver no 2015 e repetir no 2019?

?Moitas. No 2011 presenteime como un candidato con menos experiencia e con máis dúbidas, un candidato que acababa de entrar na política con grandes rivais na oposición, pero con moita ilusión e cun programa de goberno. Agora o candidato xa ten uns anos máis, con máis experiencia política e cunha rodaxe de oito anos de goberno, pero sobre todo coa mesma ilusión e con moita motivación. Creo que estas son as nosas eleccións. Podemos render contas coa conciencia moi tranquila, tamén por ter explorado certas habilidades e por poder compartir o noso programa co resto dos grupos... Tras aprobar investimentos importantes co BNG, aprobar ordenanzas con FPF e BNG para sacar adiante a residencia de maiores, aprobar un PXOM con once votos a favor... Cambia moito, hai un traballo detrás e hai uns feitos moi grandes nestes oito anos.

?O PSOE amosa máis unión interna que nos comicios anteriores, ¿como lle pode afectar?

?Nós non imos falar da oposición, nin agora nin durante a campaña. Vou seguir a liña desta lexislatura, a de seguir respectando ao rival e demostrar que fomos un goberno moi positivo, que trouxemos moitas cousas para Foz e que tivemos que afrontar con rigor unha situación económica complexa. Descoñezo quen van ser todos os meus rivais e, dos presentados, tampouco teño moita información.

?Dígame dous proxectos prioritarios para Foz.

?Hai que avanzar na construción da depuradora; en poucos días sairá a publicación do anteproxecto a información pública. Outro obxectivo fundamental para nós e seguir avanzando no urbanismo. Na nosa retina está facer unha modernización da Praza Conde de Fontao e urbanizar a Rúa do Pilar e a Rúa do Cemiterio. En poucos días arrancaremos o xeriátrico e para nós é importante que nestes anos haxa unha boa xestión.

?¿Que foi o máis difícil nestes dous mandatos en minoría?

?Facerlle ver á oposición que o que estás ofrecendo é bo para o pobo. Esta corporación estivo moi á altura. Repita como candidata ou non, á voceira do BNG hai que recoñecerlle sempre a súa altura de miras, e a Sixto, de FPF, exactamente igual. O PSOE estivo máis illado nese sentido. Gobernar é complicado, pero hai que saber ceder. Moitas das obras feitas foron co apoio da oposición.

?Foi unha minoría singular porque vostede lle ofreceu á oposición participar no goberno o día da súa segunda investidura como alcalde...

?E estou seguro que en varios grupos houbo un debate interno sobre esa circunstancia. O de facelo cun partido de dereitas era o maior condicionante que tiñan. Pero para nós, o importante eran os asuntos locais e aí temos moitas cousas en común. A nós non nos importaba ter un socio nalgunha das áreas porque sabiamos que podiamos estar reforzados.

?¿Pensou nalgún momento en dar o paso fóra da política municipal?

?Eu fun o político máis interino que puido haber. Falouse moitas veces de moción de censura, de que me podía quedar fóra... Nunca penso no meu futuro político. Teño moita confianza en min, non en que vaia gañar ou non, teño a confianza de que me enfronto a todo o que me pasa. Si teño que volver á construción (é arquitecto técnico) ou montar unha empresa, estaría encantado. Teño un proxecto e a sorte de contar co apoio da familia.

?Sempre falou de mandatos de oito anos, ¿por que volve presentarse?

?Sempre falei de lexislaturas de oito anos. Son dos que creo que todo ten un principio e un final. Pero creo que o noso proxecto de oito anos non é o mesmo cun goberno en minoría que se gobernáramos con maioría. Gobernando en minoría durante oito anos é difícil cumprir con todo o proxecto. O que si teño claro é que isto non é de por vida. Haille que dar unha continuidade e eu tamén son o responsable de darlle o paso a outra xente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Estas son as nosas eleccións. Podemos render contas coa conciencia tranquila»