Foz: 40 anos de Os Bolouros

SUSO FERNÁNDEZ FOZ / LA VOZ

FOZ

15 nov 2018 . Actualizado a las 20:52 h.

O colectivo compre 40 anos de existencia; no seo da peña O Lar nacía en 1978, impulsado por Constantino Mariño, á sazón Xefe da Oficina de Extensión Agraria na nosa vila; experto micólogo, conferenciante e entusiasta apóstolo da devandita especialidade; pioneiro na bisbarra espallando o interese cultural, culinario e económico dos fungos. En 1987, Os Bolouros organizaran a IX Semana Galega da Micoloxía que propiciou a presenza na vila dun feixe dos máis carismáticos especialistas de Asturias e Galicia. Antón Patiño, persoeiro singular, de grande cultura, prestixioso libreiro da cidade de Vigo ,onde presidía a asociación A Zarrota, así como Os Lactouros, de Monforte e tamén a Federación Galega, acudira a Foz en repetidas ocasións, para celebrar xuntanzas e participar en diversas actividades referidas ó mundo dos cogumelos: extrovertido, poeta, pintor, bohemio. De discurso grandilocuente; elegante na presenza o nos modais, non volvéramos a ollarnos dende os días de Os Bolouros, aínda que a nosa relación, por razón profesionais, era anterior. O noso reencontro producíase o 1º de setembro de 2004, na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, no enterro do Poeta Manuel María; en momento moi emotivo: entre a numerosa asistencia, có cadaleito ós pés da Virxe, da que se tiña declarado «moi parcial», mentres os seus amigos da banda de Sober interpretaban a Negra Sombra. Ó remate achegouse a nós un home, cangado polos anos, que se apoiaba nun caxato con artística empuñadura. Ante a nosa indiferencia pola súa presenza, díxonos: «Ti non eres o Suso de Foz?». «De momento, si…», respostamos. «Eu, nos dixo, redactei os estatutos de “Os Bolouros…» ¡¡ Patiño!!, exclamamos. Pasado un tempo visitámolo en Vigo; pero saímos tristeiros do encontro: o home perdera a enerxía e a vitalidade que o distinguían; a expresiva mímica que prodigaba, e mesmo o vermello das meixelas. O 7 de xullo os xornais daban a triste nova: ¡finara Patiño!. Pouco antes publicara Memoria de ferro, sobre a xeración sacrificada polar presión da guerra do 36. Unha personalidade non doada de esquecer. Correos emitira un selo especial da IX Semana Micolóxica de Galicia en Foz ó que el non fora alleo. Os Bolouros, baixo a experta batuta do biólogo Xesús Blanco segue a súa ruta, cara á vindeira efeméride: as Vodas de Ouro. ¡Feliz travesía!