«Temos que ofrecerlle ó turista cousas que facer, hoxe non só se viaxa por visitar»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

FOZ

PEPA LOSADA

Hermida é a experta encargada da promoción turística da Mariña. Traballa desde o Cenima, en Foz

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Diplomada en Turismo e especializada en Planificación Turística pola Universidade da Coruña e Máster en Planificación e Xestión de Destinos Turísticos pola Universidade Complutense de Madrid, con formación en Márketing Dixital e con experiencia durante case sete anos en comunicación e xestión do Camiño de Santiago e da Rede Pública de Albergues en Galicia. Con este curriculum se presenta Tania Hermida (Foz, 1988), axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade de Municipios da Mariña. Comezou o 20 de agosto prestando servizo en Barreiros e desde o 6 de setembro traballa no Cenima, en Foz.

?¿Que xestións se fixeron nestes últimos meses?

?Nestes dous meses estívose levando a xestión das redes sociais da Mariña lucense como destino e doutros produtos turísticos como o Mes da Maxia, así como a comunicación cos medios. Ademáis fíxose unha rolda de presentacións e reunións. Tamén se están coordinando e xestionando as accións contempladas dentro do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia. Estamos traballando principalmente en torno a tres liñas: produtos turísticos, formación dos axentes e a comunicación e promoción do destino. Ademais, co fin de coñecer os diferentes proxectos en materia de turismo que existen no territorio estanse mantendo reunións cos distintos organismos para coñecer esos proxectos, intentar evitar duplicidades e encontrar posibles sinerxias. Cremos que, na medida do posible, é necesaria unha coordinación.

?¿Cales son as súas funcións?

?Labores de comunicación en materia de turismo, xestión das redes sociais, coordinación, xestión e seguimento de todas as actuacións que realice a Mancomunidade dentro dos convenios de colaboración asinados coa Deputación e a Xunta, propoñer melloras e actuacións que potencien o turismo no territorio...

?Nos últimos días mantivo reunións cos alcaldes...

?Si, esta semana rematouse con esta primeira rolda de presentacións onde se mantiveron reunións con alcaldes, responsables de turismo e técnicos das oficinas de información turística. Ademáis de coñecernos, buscamos compartir as accións e aquilo no que cada un deles está traballando en materia de turismo, coñecer a súa opinión e suxerencias de cara a futuras accións dende a Mancomunidade e fomentar que exista comunicación. Dende a Mancomunidade necesitamos o compromiso e a total colaboración dos diferentes Concellos e técnicos de cara a axilizar as distintas actuacións e poder vender A Mariña lucense como destino turístico de forma conxunta, veraz e dinámica. A idea é encontrar tamén unha vía de comunicación co sector privado e as diferentes asociacións implicadas. De cara a vender a Mariña como un destino aonde podes vir, a ver e coñecer recursos tamén, pero tamén temos que ofrecerlle ao turista cousas para facer, hoxe o turista non viaxa só por visitar un lugar, quere participar, facer algo nese destino que lle faga levar o mellor dos recordos. Debemos, na medida do posible, camiñar todos da man.

?¿Preparan algún tipo de campaña ou acción de promoción de cara a vindeiras citas, como Fitur, ou outras máis inmediatas?

?De cara a Fitur estamos tamén traballando, buscando cal é a mellor das opcións en canto a material promocional que nos axude a vender da mellor forma posible a Mariña. A idea de cara a Fitur é aproveitar para fixar reunións con axentes e turoperadores que nos podan interesar. Pero estamos traballando nunha ferramenta de promoción que vai moito máis alá de Fitur e que nos axude a posicionar o destino no seu conxunto na mente do turista cando está planificando e ideando a súa viaxe, falo dunha páxina web cunha imaxe coidada e contido de calidade. Queremos que cando alguén busque eses principais hitos como pode ser a praia das Catedrais, o Camiño Norte en Galicia ou o Resurrection Fest..., saiba da Mariña.

?¿Cal é o maior potencial da Mariña lucense a nivel turístico?

?Dame a impresión de que os propios mariñáns ás veces non somos conscientes de toda a riqueza que atesoura o noso territorio. Creo que o maior potencial da Mariña a nivel turístico é precisamente a súa diversidade, trátase dun destino que dependendo do que busques podes vir en calquera época do ano. Temos que conseguir posicionar A Mariña lucense na mente do turista como un territorio auténtico ao que se pode vir en calquera estación. Dentro desta diversidade a clave é buscar recursos que unan ao territorio.