O misterio dos bidueiros do Espazo Caritel


Se algún día visita vostede (recomendámoslle non demoralo) o Espazo Caritel situado mesmo a carón da espectacular basílica de San Martiño de Mondoñedo

(Foz, Lugo), ademais de coñecer a obra cerámica e fotográfica de Daniel Río ‘Caxigueiro’, quedará impresionado pola marabilla da zona axardinada, terreo cosmopolita no que conviven ducias de variedades de camelias e hortensias, por citar só algúns casos de plantas ornamentais, con numerosas árbores singulares de múltiples procedencias.

Entre as árbores habita unha modesta colonia de bidueiros ou abidueiras, dito en mindoniense coloquial, as betula alba de pel reflectora e esvelto porte que tan grandes servizos levan prestado á parte humilde da humanidade e que hoxe en día apenas teñen espazo nos nosos bosques pois están colonizados polo acálitro e o piñeiro. A abidueira é a árbore coa que o meu avó, Xusto, facía as nosas zocas cando eramos nenos. Madeira branca, dócil e lixeira, doada de traballar e contornear co trade e a lerga coa que tamén se facían pratos, cuncas, culleres, mangos de ferramentas, berces, axóuxeres e outros moitos utensilios. Tan doada de traballar e tan efectiva simbolicamnte que as bruxas aínda hoxe fabrican as súas vasoiras voadoras de pólas desta árbore, e as mestras e os mestres, como os inquisidores cando castigaban aos reos, usábanas para, en tempos idos xa ora, sacudir o lombo do discípulo díscolo con finas varas, asubiadoras, fabricadas desta árbore.

Da importancia do bidueiro como árbore divina xa daba conta Sarmiento que dicía que tiña 30 nomes, 30 usos domésticos e 30 virtudes medicinais, concluíndo que é o “pau nefrítico de Europa”, indicado especialmente contra o “mal da pedra” e outras moitas doenzas dos riles e da pel.

A cidade sueca de Umea é coñecida como a capital mundial dos bidueiros. E é que tras un gran incendio que a arruinou a finais do s. XIX decidiron repoboala de bidos, amén de construír as casas máis separadas unhas doutras. Vén a conto o anteriormente escrito para contarlles que en certa ocasión Caxigueiro sorprendeu a un visitante emocionado, abrazado a unha das súas abidueiras. Preguntoulle polo motivo e o home, que era polaco, díxolle que o facía en agradecemento á árbore que salvara da morte certa a moitos dos seus compatriotas nos campos de traballos forzados chamados GULAP, prisións diseminadas pola longa e fría estepa siberiana da antiga URSS. E a seguir, como se dun ritual relixioso se tratase, Caxigueiro ensinounos como aquela xente lle tiraba proveito á árbore. Buscou unha abertura natural na livián casca do bido e succionou un zume avermellado como sangue, un licor doce

que é a mesma savia que alimenta a árbore e que alimentou tamén, salvándolles así a vida, a moitos dos presos polacos retidos nos campos de concentración soviéticos tras a Segunda Guerra Mundial. Hoxe en día, descúbroo buscando na internet, esa auga que deu vida a tantas bocas esfameadas ten nome comercial e chámase ‘agua de abedul’. Auga que pode dar vida aos nosos corpos como lla dá ao espírito, certamente, visitar de cando en cando o Espazo Caritel de Caxigueiro.

*Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Foz
Comentarios

O misterio dos bidueiros do Espazo Caritel