Sargadelos, lugar fetiche de Roi Casal para rodar o seu primeiro videoclip

Ramón González Rey CERVO / LA VOZ

CERVO

Rodaxe do videoclip de Roi Casal en Cervo
Rodaxe do videoclip de Roi Casal en Cervo CEDIDA / ROI CASAL

É unha das localizacións do vídeo co que lanzará a canción «Xunto a Ti»

07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras seis anos e máis de 200 concertos do seu proxecto «Son Galego Son Cubano», Roi Casal (Catoira, 1980) emprende unha nova etapa. «Xunto a Ti» abrirá a senda que tomou o músico pontevedrés e será tamén a primeira canción do artista que conta con videoclip. Unha peza audiovisual na que o Paseo dos Namorados de Sargadelos ten especial protagonismo.

«Quixemos rodar nuns poucos puntos de Galicia que para nós son moi especiais», explica Casal, tras rematar «unha rodaxe maratoniana de case 14 horas por cada un dos dous días de gravación. Sargadelos ten un lugar especial no meu corazón e tamén Cervo e San Cibrao, onde sempre nos trataron moi ben e sentimos o cariño do público», argumenta o músico.

Casal tamén resalta que Sargadelos «é un enclave da historia de Galicia, cunha figura tan importante como é a de Isaac Díaz Pardo, un creador que era case un irmán para Neira Vilas, en quen estaba baseado o meu anterior traballo. Formaron parte dunha xeración que soñou Galicia nunha época moi difícil e que non só a tivo na cabeza senón que fixo a Galicia de hoxe. Rodar aí é unha forma tamén de homenaxear a estas persoas», enfatiza.

Así, a presa do Paseo dos Namorados é unha das principais localizacións da peza audiovisual, xunto a Vilanova de Arousa e á praia da Lanzada. Casal compartiu protagonismo na rodaxe coa actriz lucense Beatriz Serén, baixo a dirección do realizador do Grove Virvi Fraga. O videoclip estrearase, probablemente, nun par de semanas, coa novidosa tecnoloxía de son Dolby Atmos.

«Xunto a Ti», que se lanzará ao mercado cunha versión alternativa en castelán, foi gravada en Los Ángeles co produtor de orixe galega Carlos Roadgarman, que produciu a Michael Jackson, Juan Gabriel, Celine Dion, Laura Pausini ou Alejandro Sanz, entre outros artistas.

«Nunca me parei tanto á hora de gravar e tiven a sorte de contar con algúns dos mellores músicos de sesión do mundo», valora Casal.

Sobre a sonoridade do seu novo proxecto, afirma o músico que «esta canción amosa unha madurez non só á hora de compoñer senón tamén de recursos técnicos, grazas á produción e a varios anos de xira. Estou moi contento co resultado e agardo que á xente lle guste», indica o músico de Catoira.