Chus García, xubilado de Alcoa: «Fun á fábrica en bici 20 anos e agora terei que buscar coartada para saír nela»

CERVO

Chus García, na bicicleta reclinada que usaba para ir a traballar cada día
Chus García, na bicicleta reclinada que usaba para ir a traballar cada día PEPA LOSADA

Chegou de Asturias no 1978 e pode contar a evolución do aluminio na zona

04 abr 2022 . Actualizado a las 19:26 h.

Chus García, que atende con amabilidade aínda cando a entrevista interrompe a súa lectura ao sol, tómase con filosofía que lle dean a noraboa por xubilarse. «Dinme que desfrute pero penso que se iso non o fixeches cando eres novo, pouco vas desfrutar á miña idade», ri. Aínda así, o sano costume de acudir en bicicleta a traballar no complexo industrial de Alcoa -rutina que seguiu os últimos 20 anos- manteno en plena forma. Nacido en Asturias no 1959, galego e mariñao de pleno dereito, chegou a Cervo no 1978 para a montaxe da fábrica e pode explicar coma poucos a súa evolución.

—Non deben quedar moitos traballadores no cadro de persoal de Alcoa que, coma vostede, a construiran a fábrica.

—Comentaba un pouco en broma cos compañeiros que son dos escasos que quedaba que montou a fábrica. Cheguei no 78 para a montaxe, e como persoal fixo comecei a traballar no 1983, primeiro en filtración, no medio das chemineas, e logo en precipitación. Dáse a circunstancia que eu comecei moi novo.

—Que lembranzas ten da súa etapa laboral?

—Hai de todo, porque aquí fixen a vida, e na vida hai alegrías e tristuras. Traballei aquí desde os 18 aos 62 anos. Tentei estar a altura como compañeiro e como sindicalista da CIG cando me tocou.

—Chegou de Asturias, que estaba en reconversión industrial.

—En Xixón era a restruturación do naval e da siderurxia, atopar traballo era difícil. Coincidiu coa montaxe desta macrofábrica de San Cibrao, que foi das últimas do Estado deste tamaño.

—Contaba vir para tanto tempo?

—Nin o pensaba, vivía un pouco ao día, con proxectos a curto prazo. Cando foi a crise do Casón houbo unha creba de expectativas e quizais nesa época non o vía claro, pero é certo que o estándar de emprego no aluminio era de calidade e os sindicatos foron conseguindo que mellorase.

—Como ve a situación da fábrica?

—Intercambiando opinións coa xente do comité, que foi a que máis sufriu coa pelexa destes anos, eles quizais son máis optimistas ca min. Pero espero que se concreten os traballos que hai en proxecto e que os novos equipos se poñan en funcionamento. Aínda así, penso que o futuro da fábrica dependerá de cuestións internacionais e non comarcais, de aspectos como a enerxía que son claves.

—Como cambiou a comarca?

—A comarca evolucionou moito e penso que para mellor, aínda que non me gusta ese discurso: «se non fose pola fábrica...». Aquí viviríase doutra maneira, probablemente con menor poboación, pero a xente tiraría para diante. Si que é verdade que ter un núcleo industrial axuda. Ademais, os traballadores da factoría, que tiñan unhas condicións laborais dignas, movéronse a nivel social para mellorar a zona e penso que estiveron á altura.

—Vostede implicouse no ámbito do deporte, adestrando na base.

—Comecei no balonmán, pero en Cervo liábante para todo e acabei tamén no fútbol (risadas). Para min o deporte sempre foi unha afección pero tamén pensaba que é importante implicarte no desenvolvemento dos rapaces. Houbo moita xente que fixo moitas cousas noutros ámbitos, como os das asociacións.

—Máis que afección, o deporte é case un estilo de vida para vostede. Sempre na bici.

—Ir á fábrica era a coartada perfecta para practicar exercicio (ri). De volta tiña a costa do campo de fútbol da Bidueira cara A Senra, que tira (ri). Agora terei que inventar algo, estes días fixen algún recado en bici.

—Ía todos os días nela?

—Practicamente. Só se chovía moito á saída, pero ata agora chove menos ca antes. Levaba xa polo menos 20 anos, once quilómetros de ida e outros tantos de volta: se era de noite, reflectantes e tirar para diante, sen desculpas.

—E agora? Tardáballe xubilarse?

—Todo o mundo me di: «noraboa». Xente de 30 ou 40 anos que me comenta que desfrute, á que lle digo: «desfrutarás ti, porque como esperes á miña idade...» (risadas). Por agora supoño que non o asimilo, acabei de traballar un xoves e case me daba a sensación de estar libre na fin de semana. Tentarei dedicarlle tempo ás cousas que me gustan e en todo caso xa se sabe que na aldea sempre hai algo que facer.