Carreiras: «Esta é unha empresa familiar e son momentos duros, pero hai que mirar hacia diante e crear algo novo»

CERVO

Ángel Carreiras, con sus dos hijas en la nave en la que la empresa vuelve a empezar
Ángel Carreiras, con sus dos hijas en la nave en la que la empresa vuelve a empezar PEPA LOSADA

Nos últimos días a súa vida deu un xiro radical, co incendio da sede do negocio que iniciou en 1987, cando contaba só 21 anos

26 ene 2022 . Actualizado a las 14:46 h.

Ángel Carreiras atende a entrevista mentres conduce, nun dos poucos momentos nos que pode pararse a falar. Nos últimos días, a súa vida deu un xiro radical, co incendio da sede de Distribuciones Carreiras, o negocio familiar que iniciou en 1987, cando contaba só 21 anos. Estes días volve a comezar desde a nave de Cristalería Burela, cedida polo propietario. As cervexas, viño ou tónicas que distribúe volven chegar aos case 800 clientes que colleitou a firma en tres décadas e media.

—Xa saben cales foron as causas do lume?

—Mañá teremos outra reunión cos peritos doutra compañía. Están investigando aínda máis cuestións e por agora a investigación aberta. Hoxe (por onte) viñeron á nave inspectores da Garda Civil. Están a mirar de recuperar cámaras e outras probas e dixéronnos que en canto tivesen algunha conclusión nos comentarían o motivo exacto do incendio, pero por agora non sabemos. De momento non hai nada fixo, aínda que seguimos supoñendo que foi algo eléctrico. O que está claro é que non foi de ningunha maquinaria, porque naquela zona non había máquinas conectadas á electricidade.

—Teñen claro unha cifra aproximada de danos materiais?

—Á verdade é que non. Hai que valorar ben o perdido porque había maquinaria, moitas cousas, e non é fácil facer unha valoración exacta. Se nos centraramos só nos inventarios seguramente saberiamos a cantidade, pero por un lado estamos facendo eses trámites e por outro estamos tentando poñernos no mercado e atender aos clientes. O noso futuro está aí.

—Non sei se lle deu tempo a facer balance do ocorrido. Que pensou estes días?

—A verdade é que a circunstancia xa pasou e estou convencido de que non foi ningún accidente nin ningún fallo humano. Teño que solucionar cos seguros que é o que se pode cubrir economicamente, e a verdade é que estou máis enfocado nun proxecto novo de manter a clientela e poñer a empresa no mercado. Con respecto do incendio, non vai pasar máis nada. É practicamente un sinistro total e é un acontecemento que hai que enterrar. É unha experiencia mala pero que xa pasou. Agora hai que crear algo novo.

—En 35 anos, é o momento de maior incerteza da empresa?

—A verdade é que son momentos duros, porque cando te lembras dalgunhas cousas que viviches aféctache. Este negocio é algo propio, creado por min e pola miña familia. Pero sentímonos todos arroupados e a xente que leva con nós moitos anos son coma familiares. Ves a ilusión e a implicación de todos, mesmo exempregados viñeron a axudar, e motívate a seguir para diante e a non gastar as forzas no que xa sucedeu.

—Imaxino que o sector da distribución depende moito da confianza, e do que labrou estes 35 anos.

—É certo que si, que hai un trato persoal, cun equipo que leva moito tempo coñecendo os clientes. Tentamos dar un servizo bo, con marcas que cumpren, e pensamos que si que nos fixemos ese oco no mercado.

—Como está a ser a volta a empezar?

—Pois con moitas cousas que facer, pero a verdade é que a xente que teño comigo, este equipo, é quen está facendo a inmensa maioría das cousas. Tiñamos un plan e eles son quenes falan con clientes, cos provedores, coa preparación dos pedidos, coa facturación... Eu case estou noutras cuestións máis administrativas e de coordinación.

—Dese sinistro total do que fala aínda se puido rescatar algo de valor emocional, un cadro que lle fixera unha das súas fillas cando era nena.

—Si, quedara no meu despacho, que foi unha das oficinas menos afectadas. Había un cadro que fixera a miña filla Elena, a maior, cando estaba na EXB. Fixérame ese cadro e foi unha sorpresa para os dous atopalo cando fumos alí. Foi do pouco que quedou intacto.

—Recibiu moitas chamadas de apoio. O que fora empresario de Cristalería Burela prestou a súa nave, outras empresas ofrecéronlle espazo para poñer o conxelado... Houbo algunha chamada especialmente emotiva?

—Pois si, houbo varias. Un emociónase (garda silencio). Penso en xente que había tempo que non a vías, que che ofrece o que ten, sexa máis ou sexa menos. Houbo xente que puxo realmente o que tiña. Hai persoas ás que non lles din contestado como se merecen. O outro día estiven ata a unha da mañá contestando whatsapps, pero aínda me quedaban moitas outras persoas ás que non lles puiden responder. Fareino en canto poida, téñenme que perdoar porque estes días non tuven tempo material.