Xogos de pistas para coñecer catro museos da provincia

CERVO

Pantalla de presentación dos xogos de escape que ofrece a rede museística cos personaxes que serven de guías das diferentes actividades
Pantalla de presentación dos xogos de escape que ofrece a rede museística cos personaxes que serven de guías das diferentes actividades CEDIDA

A rede museística da Deputación puxo en marcha un programa que permite visitar os seus centros de forma virtual e interactiva

27 ene 2021 . Actualizado a las 17:53 h.

Os catro museos pertencentes á rede provincial estarán pechados de forma temporal para cumprir as normas de prevención establecidas a causa do agravamento da situación sanitaria. Pero a actividade divulgativa e educativa destes centros continuará por vía dixital mediante unha serie de visitas guiadas que se ofrecen diariamente desde onte na conta de Facebook da rede museística. Así mesmo, os museos ofrecen a partir de agora a posibilidade de participar por Internet nunha serie de xogos didácticos aptos para todas as idades que permiten coñecer os contidos dos seus diferentes centros «dun xeito lúdico e interactivo», segundo explican os seus responsables.

A rede museística presentou no seu perfil de Facebook os xogos que se ofrecen dentro deste programa dixital, aos que se pode acceder a través da plataforma comunidadermpl.es. A oferta divídese en varios eixos temáticos. Cada un deles está representado por diferentes personaxes que serven de guías aos usuarios, os cales deben ir seguindo pistas e cumprindo «misións» mentres visitan de forma virtual os museos da rede provincial. A continuación detállanse as diferentes actividades que se poden levar a cabo dentro deste programa tomando como guías a estes personaxes.

 Rapaza castrexa. Este personaxe encárgase de guiar aos usuarios do xogo nunha incursión no Lugo romano que permite coñecer as diferentes pezas arqueolóxicas desa época que se conservan no Museo Provincial.

 Xabarina. O obxectivo deste xogo é dar a coñecer as representacións de diferentes tipos de paisaxes que poden verse nas coleccións de pinturas dos museos da rede.

 Deseñadora de moda. A través deste personaxe, os usuarios do xogo poden coñecer as vestimentas de distintas épocas históricas representadas nas coleccións da rede.

Pantasma. A misión deste personaxe consiste en mostrar aos usuarios do xogo o legado das mulleres artistas cuxas obras se conservan nos museos da rede, facendo que as creadoras saian da súa situación de invisibilidade.

Planeta enfermo. Os usuarios deste xogo poden axudar ao planeta Terra -en mal estado a causa do cambio climático- a cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola ONU.

 Cadro. Este personaxe representa un xogo que mostra o traxecto que seguen as pezas desde que son seleccionadas para entrar nun museo ata que son expostas ao público.

 Personaxes medievais. Un monxe franciscano, un cabaleiro, un carpinteiro de ribeira e unha campesiña serven como guías da historia medieval que encerran, respectivamente, o Museo Provincial, a fortaleza de San Paio de Narla -en Friol-, o Museo do Mar de Cervo e o pazo de Tor, en Monforte.