O novo programa documental e de debate estréase o día 29 a partir das 22.30 horas
27 sep 2020 . Actualizado a las 18:11 h.Que chispa se acende na mente dun asasino? Que leva a unha persoa a terminar coa vida doutra? Na mente do asasino é unha serie documental que afonda nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos, co afán de localizar aqueles procesos mentais que os levaron a cometer os seus delitos, o que comunmente se coñece coma o móbil do crime, pero tamén a sucesión de actos e pensamentos que os empurraron cara un punto de non retorno.
En cada un dos 15 capítulos de Na mente do asasino, o programa adéntrase na mente dun tipo de asasino diferente: sicarios, agresores sexuais, parricidas... e analiza, a través dun crime concreto, as causas e os mecanismos que levaron a cometer eses asasinatos.
Galicia conta cunha dilatada crónica negra cuxas páxinas gardan centos de crimes que, ao longo do tempo, impactaron á sociedade polo cruento da súa realidade, como os casos do sicario de Verín, o asasinato de Ana Enjamio, o crime do parricida de Oza, o asasinato do holandés de Santoalla ou o dobre crime de Cervo. As súas vítimas, os seus protagonistas e tódolos detalles que os medios de comunicación deron a coñecer permanecen, moito tempo despois, gravados no ideario común. Crimes que se manteñen no subconsciente dos galegos.
Partindo do propio crime e da investigación que este desatou, cun punto de vista xornalístico e apoiándose na ambientación dos casos, Na mente do asasino busca dar resposta a unha das preguntas máis importantes que se fai a sociedade ao coñecer un crime: por que? Os documentais están narrados en primeira persoa polas testemuñas e profesionais que viviron cada crime.
Trala emisión dos documentais chega o turno do debate de Na mente do asasino, un coloquio presentado polo xornalista Pablo Carballo, no que, a través dunha conversa de análise a varias bandas, afondarase nos paradigmas dos asasinos que se dan na nosa sociedade para cuestionar a súas motivacións e evolucións.
En busca de respostas
Un dos propósitos das mesas de análise será tamén o de achegar información de servizo ao espectador sobre consideracións que xurdan do propio tratamento de cada suceso: como se conforma e cal é a función dun xurado popular, cando é aplicable unha prisión permanente revisable, como se traballa nun laboratorio de toxicoloxía, na sala dun forense, ou na negociación cun secuestrador que ameaza con matar á súa vítima.
Nesa análise participarán expertos de diferentes ámbitos: o da investigación, xudicial, psiquiátrico, sociolóxico ou forense co obxecto de pormenorizar naquelas vías principais ou colaterais que deixen abertos os crimes que sobresaltaron á sociedade galega. Expertos como Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Luis Alamancos, criminólogo; Fernando Serrulla e Berta Rodríguez, forenses do Imelga; Mar Lorenzo, doutora en pedagoxía, axudarán a ofrecer respostas.
Pablo Carballo: «Fixemos os documentais con todo o respecto ás vítimas e tratando de remover na mentalidade dos criminais»
h. r.
O xornalista Pablo Carballo é o director dos documentais de Na mente do asasino e o condutor das mesas de análise posteriores.
-Cal foi o maior reto ao que se enfrontaron en «Na mente do asasino»?
-Era un reto moi complexo. Sabiamos de partida o que non queriamos facer. Ningún dos que abordamos este proxecto traballamos previamente o mundo dos sucesos e isto tivo unha vantaxe clara e é que non viñamos contaminados de ningún xeito.
-«Na mente do asasino» consta de 15 documentais. Que criterio seguiron para a selección dos casos?
-Nós manexamos inicialmente entre 25 e 30 crimes que tiñan interese para nós e, a partir de aí, seleccionamos en función de varios criterios. Buscabamos construír unha serie documental na que puidésemos ver distintos perfís de asasinos, desde o criminal de xénero, pasando por un parricida, un sicario, crimes por lindes ou unha muller que mata a outra para raptar ao seu bebé. Queriamos que os casos nos permitisen construír unha mesa de análise na que puidéramos profundar na psicoloxía criminal sen repetirnos. Tamén hai que destacar o que supuxo para Na mente do asasino contar con Jorge Sobral, que participa nos 15 documentais. Sobral é catedrático de psicoloxía criminal da Universidade de Santiago e probablemente unha das persoas en toda España que máis sabe de criminalidade e asasinos.
-Cal é o enfoque que fai este formato?
-Fixemos os documentais con todo o respecto do mundo ás vítimas, como é lóxico e tratando de remover na mentalidade dos criminais. O obxectivo do programa é tratar de achegarnos todo o posible ao que aconteceu, como exercicio de xornalismo puro, e buscar as fontes orixinarias para darlles a oportunidade de expresarse. Tamén queremos achegar un compoñente didáctico. Os coloquios van nesa liña e a idea é que poidamos obter unha aprendizaxe sobre a mentalidade criminal e outras cuestións derivadas do crime en Galicia. Falaremos dos psicópatas, dos depredadores sexuais, de se os criminais poden reinserirse na sociedade, dos xurados populares... Espero que poidamos aprender un pouco todos.