Cervo homenaxea aos seus maiores

ALFONSO VILLARES CERVO / LA VOZ

CERVO

CEDIDA

"Hoxe os aplausos do Concello de Cervo están dedicados a todos vosoutros" recoñece o alcalde ante a imposibilidade de festexar o Día do Xubilado

01 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe quixemos entrar nos vosos fogares a través destas páxinas. É a forma que temos de poder sentirnos o máis preto posible de vós neste día no que cada ano o Concello de Cervo vos rende esa merecida homenaxe. As circunstancias que todos coñecemos impídennos poder celebrar nesta ocasión ese acto de convivencia veciñal que nos volverá xuntar a todos máis cedo que tarde.

Mentres tanto, propoñémosvos celebrar hoxe a XXXVII edición do Día do Xubilado dun xeito diferente. Desde as nosas casas. Facendo unha viaxe por edicións pasadas na que os protagonistas sodes vós, eses veciños que desempeñástedes, desempeñades e seguiredes a desempeñar un papel crucial dentro da sociedade.

Con cada unha destas fotos que recolle o xornal podedes evocar ese brinde co amigo, co veciño; ese baile de sobremesa, esas anécdotas compartidas que tan bos momentos nos fixeron pasar... Asegúrovos que sumaremos moitas máis a ese álbum veciñal que levamos máis de trinta anos construíndo entre todos.

Pero sabemos que neste momento é fundamental que todos nos coidemos. E é fundamental pola saúde de toda a cidadanía, pero sobre todo para protexer ás persoas máis vulnerables ante o virus, que está demostrado que son aquelas de maior idade. Neste sentido, todos estamos a realizar un exercicio de solidariedade sen precedentes que está a facer máis grande se cabe ao noso pobo.

En circunstancias como as que nos tocou vivir, a celebración de encontros como o Día do Xubilado penso que cobra incluso máis valor, porque vosoutros, os nosos maiores, sodes o xerme da historia de Cervo, a base desa pirámide que xeración tras xeración imos construíndo; os que tantos coñecementos nos transmitides, os que nos sustentades en moitas ocasións, os que nos dades esa calor cando o precisamos ... E sempre sen pedir nada a cambio. Debémosvos moito. Debémosvos todo.

Sabedes como ninguén repoñervos ante os contratempos que se nos poden presentar no camiño. E este é un deses obstáculos que estou convencido que lograremos deixar atrás se seguimos rigorosamente as directrices que nos marcan as autoridades sanitarias. Tal e como estades a facer. Porque sodes un exemplo de experiencia, fortaleza e sabedoría. Un espello no que se deben mirar as novas xeracións.

Hoxe os aplausos do Concello de Cervo están dedicados a todos vosoutros. Pero en canto deixemos atrás esta situación, queda pendente esa conversa e esa aperta que temos por bo costume cada 1 de maio, que é o voso Día, o Día do Xubilado, o Día Internacional do Traballador.

Moita forza. Xa queda menos.

Asinado: Alfonso Villares, alcalde de Cervo.