O C. S. Vilagarcía pecha a tempada de inverno co seu mellor balance no Campionato Galego

Catorce podios e un récord autonómico do club nas categorías maiores


O Campionato Galego de Salvamento de Categorías Xuvenil, Júnior, Sénior e Máster puxo a pasada fin de semana punto final á tempada de inverno na piscina olímpica de Cervo (Lugo). E o Club Salvamento Vilagarcía foi un dos nomes propios entre os dez equipos en competición, grazas ao que xa é o seu mellor balance na cita autonómica na curta historia do club arousán: oito podios individuais, catro en relevos, dous en clasificacións xerais e un récord galego.

Este último veu da man de Daniel Vicente Ferreira, unha vez máis o referente do C. S. Vilagarcía, reunindo a metade dos podios individuais do seu equipo. Na categoría xuvenil (15 e 16 anos) fíxose cos títulos das probas de 200 metros obstáculos e de 50 metros arrastre manequín, nesta última en 35.06, o mellor crono de todos os tempos en piscina olímpica (50 metros). Os subcampionatos de 200 metros supersocorrista e de 100 metros combinada completan a actuación individual de Vicente.

Na mesma categoría, a xuvenil, Ángela María López Fernández volveu de Cervo coma nova subcampioa galega de 200 metros supersocorrista, Álex Guillán López co bronce nos 200 metros obstáculos, e Karolina Cascón Caldas co bronce nos 100 metros combinada. Ángela e Karolina colgaron ademais a prata na proba de relevos de 4x50 obstáculos xunto a Aroa Suárez e a Andrea García.

Vicente e Guillán tamén conseguiron unha medalla na mesma proba de relevos, ademais de na de 4x50 combinada, con cadanseu bronce na categoría júnior (17 e 18 anos), xunto co tamén inda xuvenil Alejandro Abalo e mais Moisés Señoráns, o único deportista do C. S. Vilagarcía que competiu nos relevos da súa franxa de idade. Señoráns conseguiu un terceiro bronce, a dúo con Javi Lorenzo, en lanzamento de corda.

Na categoría absoluta Patricia González converteuse en Cervo na nova subcampioa galega de 200 metros obstáculos, mentres que en Máster o C. S. Vilagarcía gañou a clasificación xeral con 418 puntos, seguido do Salvamento Sada con 283, e do Club Acuático Umia con 258. Fíxoo ademais competindo por primeira vez con representación feminina, nas persoas de Inés Marco Carregal, Tania Alcalde Balado, Martina López Gestal e Silvia Ferreira Stumpf, que apareceron nas primeiras posicións en todas as probas que disputaron. Os seus compañeiros masculinos remataron, pola súa banda, segundos en todas as súas probas de relevos.

A todo o anterior, o Club Salvamento Vilagarcía sumou o subcampionato autonómico por equipos do seu conxunto xuvenil masculino, e o bronce do feminino. Unha colleita que leva os responsables da entidade a declarar que «es una satisfacción ver que se alcanzaron estos resultados con unos chicos, ahora juveniles y júniores, que han venido formándose en el club desde las categorías inferiores y que ahora brillan a nivel gallego en el C. S. Vilagarcía, cuyo nombre puede empezar a sonar como referente en el salvamento».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O C. S. Vilagarcía pecha a tempada de inverno co seu mellor balance no Campionato Galego