Alcoa, a nosa empresa do aluminio: a unión fai a forza

Alfonso Villares

CERVO

04 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos ante un dos momentos máis importantes para a nosa comarca da Mariña.

Se hai 40 anos se produciu a chegada dun incrible motor de creación de emprego e de riqueza para a zona, os acontecementos que vivimos actualmente fannos avistar o posible fin de toda esta etapa de enriquecemento. Pero non debemos perder a esperanza, e temos que facer todo o necesario para visibilizar a nosa unión e única voz en prol do noso benestar.

Fai crecer a outros sectores

A nosa empresa do aluminio non só xera eses 1.100 postos de traballo directos e 700 indirectos. Traballos que ademais teñen polo xeral unha moi boa base de cotización, comparándoos con outros empregos da comarca. A nosa empresa do aluminio fai crecer a outros moitos sectores empresariais, comerciais e de restauración, xa que todos estes soldos que se xeran reverten, nunha alta porcentaxe, na nosa comarca, para que deste xeito outras moitas familias poidan atopar unha oportunidade laboral noutros sectores e así despois poder vivir e asentarse na Mariña.

Pero tampouco podemos nin debemos esquecernos doutros ámbitos, que ás veces nos poden pasar desapercibidos. Falo das Administracións públicas, e non só dos servizos veciñais, municipais, que se poden levar adiante cos ingresos que proceden do feito de ter esta empresa na zona, impostos como o IBI e IAE para Cervo e Xove e o IBI para outros concellos onde moitas destas familias residen.

Podemos vivir un pesadelo

Falo tamén da educación e da sanidade. Pensar en que a nosa empresa non estea é pensar en que moitos dos centros educativos non serían necesarios, nin así tampouco moitos dos servizos sanitarios e hospitalarios dos que hoxe podemos beneficiarnos. Pensar en que esta circunstancia pode pasar vólvesenos como un pesadelo, un pesadelo que desaparece se todos espertamos

É necesario que o Goberno central garanta un prezo competitivo da enerxía, ao igual que noutros países da Unión Europea.

Falamos da mesma reclamación que todos xuntos fixemos aló polo ano 2012. E para que nos escoiten en Madrid temos que berrar todos xuntos. Pero non imos, nin debemos, berrar contra ninguén. Ese creo que non é o camiño. Temos que berrar para que nos escoiten. Para que os responsables políticos vexan na nosa petición unha demanda xusta e necesaria para toda unha comarca coma a nosa. E nese movemento, nese berro, temos que estar todos. Todos os veciños e de todos os sectores sociais e laborais.

Unha demanda na que non pode haber cores políticas e na que eu mesmo así o pido e o demando. Son veciño e representante dos veciños de Cervo e por eles, polos veciños de Cervo e polos veciños dende o Vicedo ata Ribadeo, estarei e unireime para axudar a que a nosa comarca non dea un paso atrás.

A. Villares, alcalde de Cervo