«A diversión debe ir sempre da man do civismo e do respecto polo noso entorno»

a. v. m. SAN CIBRAO / LA VOZ

CERVO

10 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

San Cibrao recibe as súas festas máis características e o alcalde non quere que se lle escape nada. Alfonso Villares, rexedor de Cervo, aposta por unha celebración segura e tranquila, que permita disfrutar da lenda da Maruxaina a todo o pobo e aos seus visitantes.

-Que sinte un maruxaino?

-Para nós é un rasgo definitorio que nos produce moito orgullo. Cando un veciño de San Ciprián vai polo mundo, o primeiro que fai é invitar á xente á Maruxaina.

-Hai algo novo este ano?

-A festa mantén o seu simbolismo de sempre: os xogos, o xuízo, os fogos... Como sempre, tamén, temos medidas de seguridade fortes par que todo funcione. O que se inclúe este ano é un punto lila, que serve para concienciar contra os abusos sexuais, unha lacra que temos que erradicar. Quero tamén facer especial mención ao medio ambiente, pois se non respectamos o noso propio entorno, A Maruxaina non é posible.

-O Feve parece seguir en horas baixas. Como pode a xente achegarse a San Cibrao?

-É difícil conseguir un compromiso por parte do tren... Requírense cambios de calado. Pero hai outras opcións para vir, como liñas de bus da iniciativa privada ou taxis. É importante que a xente que teña previsto beber non leve o coche.

-Que rol ten o Concello na organización da festa?

-Levamos o peso da organización en colaboración con outras asociacións. Aínda que, sinceramente, o lóxico sería que o pobo e as asociacións se ocupasen da festa, coma antes, e a administración só xogase un papel de apoio.