Unha nova empresa destinada ao equiocio nace en Sargadelos

CERVO

CEDIDA

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cabaliño de Pau é unha alternativa de ocio que xorde en Sargadelos, no Concello de Cervo, como iniciativa para achegar a nenos e familias ó entorno rural e ó mundo equino. A idea xorde pola paixón dun matrimonio de Cervo ós cabalos e debido á falta dun espazo natural na zona apropiado para montar, algo moi solicitado por veciños e visitantes. Esta idea recibiu unha gran acollida por parte do público que se achegou ata o recinto, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. As características desta localización, na que predominan a

natureza en estado puro e as árbores autóctonas, propicia que se realicen actividades deste estilo. Foi precisamente un dos alicientes para que xurdise esta proposta.

Entre as diversas actividades que se van organizar sobresaen os paseos e rutas a cabalo, así como a celebración de eventos como festas de cumpreanos. As tarifas variarán dependendo do tempo e dos quilómetros realizados en cada ruta, sendo a máis económica 12 euros por

media hora de ruta, e a máis alta 33 euros por dúas horas completas para gozar dun paseo a cabalo nun entorno con moito encanto.

Equinoterapia

Esta proposta está destinada especialmente para os nenos e, en palabras de Raúl Fraga, un dos donos destas instalacións, «é unha maneira de que os rapaces que teñen falta de atención ou que sofren estrés e ansiedade poidan relaxarse. Moitos pais acuden a nós recomendados polo médico, xa que montar a cabalo é algo beneficioso para a saúde, é algo terapéutico». E engade, «para nós é todo un privilexio poder servir de axuda a toda a xente que o precise. Conseguir axudar a un rapaz en problemas é sempre unha alegría».

A este respecto, Raúl Fraga insiste en que tanto para el como para a súa muller o importante é saciar unha necesidade latente entre os veciños da zona, que ata o momento non dispoñían dun espazo apropiado para poder montar a cabalo, e tamén servir como alternativa de ocio

centrada nas familias e nos rapaces con problemas de atención e hiperactividade.