A prevención é o mellor escudo para defender os montes dos lumes


O pasado mes de outubro Galicia escribiu unha páxina negra na súa historia. Hai indubidablemente uns culpables directos e indiscutibles desta catástrofe, os incendiarios ou terroristas do monte; porque a gran maioría deses lumes foron provocados. Pero todos, Administracións e cidadáns, temos a nosa parte de responsabilidade. Porque debemos ser conscientes de que a unión e a prevención son as mellores armas para tentar loitar contra esta lacra. Esta é unha batalla que temos que librar conxuntamente, formando unha fronte común para protexer os nosos montes.

A lei de incendios determina a obrigatoriedade de manter limpas e acondicionadas cada ano as fincas das zonas urbanas, dos núcleos rurais, os terreos urbanizables delimitados e as redes secundarias de faixas de xestión, que son aquelas que están a 50 metros ao redor destes ámbitos. Uns traballos que deben ser acometidos por parte dos propietarios.

Neste senso, penso que é preciso levar a cabo unha revisión da norma, para facela máis áxil e operativa para os cidadáns, pero sobre todo para as Administracións.

Para os Concellos resulta moitas veces imposible dar cumprimento a esta lei, porque non dispoñemos nin dos medios nin do persoal suficiente para comunicar aos donos a obriga de xestionar a biomasa; e tamén nos atopamos con moitos problemas para identificar as parcelas que non están debidamente actualizadas; polo que, en moitos casos, pola complexa burocracia, eses labores quedan sen facer co corresponde risco que iso leva consigo.

Resulta fundamental facer un traballo de fondo para concienciar aos cidadáns das súas responsabilidades, incidindo na necesidade de realizar tarefas preventivas, como as de limpeza, principalmente en zonas próximas ás vivendas.

Tamén estamos todos de acordo en que hai que buscar o rendemento produtivo da nosa terra, aproveitala, para que produza riqueza. Porque unha xestión responsable pode ser o acicate que contribúa ademais a revitalizar o noso rural.

Non debemos demoninar ningunha especie

Non debemos demonizar ningunha especie, porque non hai dúbida de que o monte arde porque alguén lle planta lume; pero si que resulta primordial respectar a normativa en materia de plantación de árbores, nomeadamente daquelas de crecemento rápido.

Porque unha adecuada xestión da súa ubicación, densidade ou manexo, fai compatible a súa explotación coa doutras masas arboradas autóctonas e produtivas; podendo converterse estas últimas en opcións moi favorables ademais para o asentamento de nova poboación no rural. Neste senso, en materia de política forestal, é fundamental a implicación de todos os actores, Administracións (Xunta, Deputacións e Concellos) e cidadáns; para, entre todos, artellar os mecanismos que salvagarden os nosos bosques.

A Xunta de Galicia está a dar xa pasos nesa liña coa presentación do seu plan de choque para combater os incendios. Trinta medidas entre as que destacan a colaboración da Administración Autonómica e os Concellos para financiar a limpeza dos montes; facilidades para actuar nas parcelas de titular descoñecido, redución do papeleo para autorizar as talas, a incorporación cautelar ao Banco de Terras dos montes veciñais en man común abandonados ou a mobilización das terras abandonadas para polígonos agrarios.

Son, dende logo, boas iniciativas, que non poden quedar en papel mollado.

A tempada de risco alto de incendios xa se deu por rematada pero non podemos nin debemos baixar a garda. Porque a prevención é o mellor escudo para defender os nosos montes.

*Alfonso Villares, vicepresidente primeiro da Fegamp e alcalde de Cervo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A prevención é o mellor escudo para defender os montes dos lumes