"Ourizo Outonal" vence no concurso de postres de castaña en Cervo

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

CERVO

Pepa Losada

A Casa do Mar acolleu logo un magosto e un concerto de A Rebolaxe

04 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben entrado o outono, os días son máis curtos, as temperaturas baixan ?aínda que cada vez menos? e as castañas chegan ao seu apoxeo. Elas son as verdadeiras protagonistas da Larpeirada de Ourizo de Outono que organiza o Concello de Cervo, e que onte chegou á súa sexta edición convertida nun clásico. Oito persoas presentaron postres ao concurso celebrado na Casa do Mar de San Cibrao, e que, segundo destacaron desde a organización, nesta ocasión «tivo moito nivel».

Despois de probar e saborear as distintas creacións gastronómicas que competían no concurso, os membros do xurado emitiron o fallo. Finalmente, o primeiro premio foi para Rosa López, por un prato doce chamado «Ourizo Outonal». Mentres, o segundo foi para Lorena Fernández, que levou ao concurso unhas natillas cociñadas con castaña. En terceiro lugar quedou Geluca Campo, que denominou o seu postre como «Pasticastaña».

Unha taza de té de Sargadelos

Formaron parte do xurado representantes de varios colectivos sociais con sede en San Cibrao, como Mulleres Rurais As Espalladoras, a Asociación de Veciños de San Cibrao ou a Asociación de Mulleres. Logo de degustar os oito postres que participaron no concurso, os xuíces tiveron que puntualos do 1 ao 5 en base a tres parámetros distintos: a presentación, a elaboración e a orixinalidade. Como recoñecemento, os gañadores recibiron unha taza de té de Sargadelos ademais dun chaveiro.

Unha vez rematado o certame, a festa outonal continuou na Casa do Mar cunha actuación infantil. Tamén houbo un magosto popular no que se serviron, entre outros, chourizos, patacas e castañas. Ademais, os asistentes tiveron a oportunidade de cantar nun karaoke, e de gozar dun concerto de A Rebolaxe.