«Tivemos varios clientes famosos pero buscando tranquilidade e anonimato»

«Esforzámonos en que a xente que vén de vacacións ou descanso estea cómoda» di Ana Fernández Guerreiro, xerente de Casa do Mudo


CERVO / LA VOZ

Son as sete da tarde e anda Ana Fernández Guerreiro (Cervo, 1970) entre fogóns a preparar ensalada, tortillas e fabas con mexilóns. Así mimará aos seus clientes á hora da cea. É a xerente do negocio cervense de turismo rural que vai camiño de doce anos de vida, situado na aldea da Senra e chamado Casa do Mudo, polo apodo que tiña o seu bisavó.

-É a Casa do Mudo pero seica aos seus clientes gústalles falar e falar ben do establecemento. Cun vistazo por Tripadvisor ou por Booking, onde ten unha puntuación moi alta, é fácil de comprobar. Depéndese moito hoxe das opinións nas redes?

-Todas as opinións son boas e as que non sexan, nun futuro recibirémolas de xeito constructivo para a mellora. Si é verdade que nós esforzámonos en que a xente, que vén de vacacións ou de descanso, disfrute e estea cómoda. Para iso traballamos e dedicamos moitas moitas horas.

-Algún comentario que vin: «Un oasis en el medio de eucaliptos». O turismo rural galego é digno de ensalzar pero, cal é a clave para traballar un negocio así?

-Dedicación, moito tempo e intentar que a xente estea cómoda, intentar ter as cousas o mellor posible, non enganar... Ir a calidade, nunha palabra.

-Xa teñen algún certificado.

-Temos o certificado de excelencia de calidade de Tripadvisor e tamén o da guía Michelín. Veñen facer unha inspección, de incógnito, e valoran se estás dentro dos parámetros de calidade.

-Bastantes clientes din que se sinten como «na casa». Algún o pensou así literalmente?

-Aquí temos zonas comúns. En inverno coa cheminea están moi cómodos nos salóns ou na pequena biblioteca e no verán a xente disfruta ceando ou desaiunando fóra no xardín ou no porche.

-A resposta foi máis discreta do que eu pretendía. Non tivo anécdotas como saír un cliente do cuarto como veu ao mundo?

-Non. A xente que vén de turismo rural é supereducada, coidadosa. Ainda que sempre hai algunha excepción, esquécese.

-Vense pasar bastantes coches británicos cara á Casa do Mundo. Teñen fama de puntuais.

-Son superpuntuais. Se din ás oito ou sete e media vou cear están preparaditos e arregladitos e a esa hora xusta no comedor.

-Canto sabe de inglés?

-(Ri) Moi pouco. Vou a clases, intento ir mellorando cada ano. Pero eles tamén se esforzan. A miña filla tamén me axuda.

-Intentan eles aprender galego?

-Bos días, adeus... algo sinxelo.

-Agora que estamos no outono, é a temporada ideal para disfrutar do turismo rural en Galicia?

-A primavera tamén. Hoxe en día é todo o ano. No verán búscase máis praia e bo tempo; no inverno búscase tranquilidade.

-Ten manifestado algún cliente interese por participar en labores de campo aí na aldea?

-Non, iso non. Veñen de turismo rural pero con todas as comodidades e servizos dun hotel de cinco estrelas.

-Cando era nena, a vida na Senra en nada se parecía a do turismo rural de hoxe, verdade?

-O que lles gusta moito é ver animais ou algunha labor no campo e che preguntan pero iso de dicir «podo ir axudar?» non.

-Algún famoso apareceu aí? E sobre todo, quen era?

-Si, si. Pero o nome non, non o vou a dicir por ética moral.

-Algunha pista alomenos...

-Do mundo da comunicación e do fútbol tivemos varios. Pero creo que non o debo dicir. Non pedín permiso para dicilo e eles o que buscan é a tranquilidade e o anonimato e niso gústame ser bastante discreta. E toda á xente que entra pola porta, sexa famoso ou non, se lle trata igual.

-Cal é o recuncho da casa que máis lle gusta, cando di aquilo de «este é o teu momento Ana»?

-Ao carón da lareira, ao caloriño, lendo un libro e sentir chover fóra do comedor acristalado penso... «que ben estou aquí!».

-Agora é temporada de setas e castañas. Algún turista apaña?

-Xa temos un castiñeiro diante da casa. Aí collen castañas pero por desgraza non temos moitos ao redor; máis ben hai eucalipto.

-Vénme á cabeza a recente vaga de incendios en Galicia...

-Moitísima xente que nos coñece e vén nos chamou preguntando que tal estabamos e se nos pasara algo. Si que se preocuparon.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Tags
Comentarios

«Tivemos varios clientes famosos pero buscando tranquilidade e anonimato»