O CEIP Vista Alegre, con case 300 alumnos, e o IES Perdouro de Burela, con 500, iniciarán o curso con «deficiencias graves»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

BURELA

<span lang= gl >Representantes do BNG da Mariña reuníronse de novo co director do CEIP Vista Alegre de Burela e a presidenta da ANPA</span>
Representantes do BNG da Mariña reuníronse de novo co director do CEIP Vista Alegre de Burela e a presidenta da ANPA BNG A MARIÑA

Representantes do BNG encabezados polo deputado Daniel Castro reuníronse de novo coas comunidades educativas dos dous centros

07 sep 2026 . Actualizado a las 18:10 h.

O CEIP Vista Alegre, no que estudan case 300 alumnos, e o IES Perdouro, con 500, de Burela, darán este mércores a benvida ó curso 2026-2027 igual que remataron o anterior, é dicir, con «graves deficiencias estruturais». Así o denunciou o BNG da Mariña tralas reunións que mantiveron este luns o deputado Daniel Castro, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación de Burela, Mario Pillado, e a concelleira Sandra Fernández Cillero coa comunidade educativa dos dous centros de ensinanza. En relación co Vista Alegre, que no encontro estivo representado polo director do centro, José Manuel Díaz Cabado, e pola presidenta da ANPA, Sara Calvo, a formación nacionalista precisa que «seguen sen solución as graves deficiencias que padece o centro, recollidas nun informe de 40 páxinas elaborado pola propia comunidade educativa, no que se dá conta das humidades e filtracións recorrentes, aseos en estado insalubre, fugas de auga, deterioro estrutural de pavimentos e columnas, instalación eléctrica obsoleta, carpintería en mal estado, peche perimetral inacabado, ausencia de portas de emerxencia e importantes barreiras de accesibilidade», abunda. «A isto —engaden desde o BNG— hai que sumarlle a negativa da consellería a cubrir a pista polideportiva exterior».

A continuación, a representación institucional do BNG reunirse tamén coa directora do IES Perdouro, María José Pardiñas. «Unha nova reunión tamén despois doutras anteriores cos mesmos problemas que seguen sen resolverse», afondan. «Este instituto ten graves problemas de accesibilidade, escaleiras e solos esvaradizos no exterior por onde teñen que transitar alumnos e profesores ó estar formado este IES por varios edificios. Tamén a falta de ascensores é outra das graves eivas, así como eivas estruturais do edificio», sinalan os nacionalistas.

<span lang= gl >Os representantes da formación nacionalista mantiveron tamén un encontro coa directora do IES Perdouro</span>
Os representantes da formación nacionalista mantiveron tamén un encontro coa directora do IES Perdouro BNG

Precisan que o Perdouro tamén precisa o arranxo e cobertura da pista polideportiva exterior, que ten décadas de antigüidade e que se atopa na mesma situación», sinalan, e precisan que a dirección do IES envía cada ano á Consellería de Educación un informe da situación.

Reivindicacións ó Parlamento

O deputado autonómico Daniel Castro criticou o que considera «sectarismo» do PP. «Non poden mentirlle á cara ós pais e ás nais dicindo que realizan obras que non realizan. Burela ten que deixar de ser discriminada e a Xunta ten que facer nos centros educativos da vila os investimentos que lle corresponden», sinalou, e anunciou que levará novamente ó Parlamento de Galicia as reivindicacións da dirección e das familias do CEIP Vista Alegre. Colectivos que ó longo do ano pasado protagonizaron numerosas concentracións para reivindicar a reforma integral do colexio.

Pola súa banda, Mario Pillado anunciou que a problemática tamén será tratada no próximo pleno do Concello de Burela a través dunha moción que presentará o grupo do BNG. «O pleno ten que dar apoio ás xustas reivindicacións da comunidade educativa de Burela, e agardamos que ese apoio sexa unánime e se cemostre na práctica», concluíu.