Cada verán, a Feira do Bonito de Burela convértese nun dos grandes encontros gastronómicos da Mariña Lucense. Pero detrás de cada ración servida, detrás de cada petisco que se saborea, hai unha historia moito máis fonda que merece ser contada.
Esta celebración é unha oportunidade perfecta para lembrarnos que o bonito non é só un produto: é unha cultura, un oficio e unha forma de vida. Porque cando en Burela falamos de bonito, non nos referimos só ao peixe.
Evocamos as madrugadas e os anoiteceres no porto, cando adoitan arribar e saír os barcos; pensamos na dura faena da descarga, nos mariñeiros que tan ben saben ler o mar, e nas familias que vivían pendentes dos partes transmitidos pola Confraría de Pescadores a través da súa estación costeira de onda media.
Durante moito tempo, o bonito foi o motor económico de Burela: fixo medrar o porto, fixo medrar a vila e fixo medrar unha comunidade diversa, traballadora e profundamente mariñeira. É certo que hoxe en día son poucos os barcos burelaos que van ao bonito. As campañas son máis difíciles, o peixe está máis lonxe e os custos son maiores. Pero a Feira do Bonito non naceu para medir capturas: naceu para recoñecer a historia dun oficio, a forza das tripulacións e o papel que esta arte tivo na propia configuración da identidade burelá.
A súa pesca foi e continúa a ser totalmente artesanal: péscase á cacea, unha arte selectiva e respectuosa que depende da habilidade das tripulacións. As varas dos nosos barcos xa non son de madeira de eucalipto, pero a súa función é a mesma porque o que define esta pesca non é o material senón o xeito de traballar o mar.
Os nosos vellos lobos de mar coñecen de sobra o que significa chegar a porto coa responsabilidade de cada marea e co cheiro a salitre pegado ás mans. Eles fixeron posible que Burela teña a historia mariñeira que hoxe celebramos.
Tamén forma parte da nosa cultura mariñeira a tradición das familias que cocen e embotan o bonito na casa. Esta tradición segue moi viva en Burela como herdanza dos nosos maiores, quen nos ensinaron a coidar o produto e a manter vivo un saber que pasa de xeración en xeración. Ademais, ese cheiro tan característico que se desprende das cociñas cara a rúa constitúe un atractivo estival máis, que anuncia traballo, comunidade e futuro.
Por iso esta feira é moito máis que unha cita gastronómica. É unha maneira de recoñecer o esforzo de quen fixo posible que Burela sexa o que é hoxe. É unha festa que une tradición e modernidade, que abre o porto á xente, e que permite a quen nos visita coñecer non só o sabor do bonito, senón tamén a vida que hai detrás del.
Unha vila mariñeira nunca se entende só polo que pesca, senón polo que conserva, polo que transmite e polo que comparte.