David Perdomo, a dúo con Touriñán en «Cuarentena» este sábado en Burela: «Este espectáculo foi desas flores que naceron na adversidade»

y. garcia BURELA \ LA VOZ

BURELA

AIGI BOGA

Este sábado haberá doble pase na Casa da Cultura, ás 20.00 e 22.30 horas, dunha función que enche auditorios por Galicia, baseada nos seus directos de Instagram en plena pandemia

02 feb 2024 . Actualizado a las 10:12 h.

Se dicimos «cuarentena» hai que falar dun antes e un despois daquel 15 de marzo de 2020 que comezou o estrito confinamento debido ao covid. Dende aquela a verba quedou gravada no noso diccionario máis íntimo, ao igual que pandemia. Agora todo aquilo se pode lembrar ata cun chisco de humor. O humor sempre é sano. Como nos recordan David Perdomo e Xosé A. Touriñán no espectáculo, precisamente de nome «Cuarentena», que chega a Burela este sábado, con doble pase: 20.00 e 22.30 horas. É a materialización enriba do escenario de historias e oito personaxes que naceron das súas conversas en directos a través de Instagram, aproveitando a ferramenta dos filtros da rede social por exemplo, naquela etapa complexa sen poder saír das casas. Dende que se estreou, xa foron máis de 22.000 os espectadores que disfrutaron dun show cheo de improvisación e sketchs. Sobre o éxito da función fala Perdomo, nesta entrevista, adiantando: «É unha cousa que non ten sentido. Estamos moi contentos pero non contabamos coa acollida que está tendo».

—Estades apabullados.

—Estamos apabullados, si! Aparte, foi un momento moi importante a pandemia para nós, que fixo dalgunha maneira que se nos empezase a mirar dunha maneira máis persoal, non tanto como artistas ou cómicos. A xente ten ganas de devolver ese amor que percibiu, e que para nós tamén foi algo marabilloso. Está sendo unha resposta moi humana e moi bonita. Moi de cariño.

«Foi un momento moi importante a pandemia para nós, que fixo dalgunha maneira que se nos empezase a mirar dunha maneira máis persoal»

—Vestides a cuarentena con humor pero sufrimos moito os mortais, a verdade. Se a lembramos tal cual foi, é para chorar.

—Fíxate como é a cousa que parece que xa nos olvidamos da pandemia e de que estivemos encerrados durante tres meses. No espectáculo non facemos alusión máis alá de dicir que isto naceu na cuarentena, pero tamén ten que ver que Touri e máis eu cumpríamos 40 anos no 2020 (bueno, el ten un ano menos ca min pero entrabamos na cuarentena). Agora xa temos 43 e 44. Xa pasaron anos, non? Si que é certo que o espectáculo respecta as personaxes e do que falabamos, pero non se fai demasiada alusión a aquel tempo. Ainda que parece que teñamos a memoria de moi curto percorrido e que a olvidamos. Por un lado está ben pero por outra hai que ser consciente do que pasamos. Este espectáculo foi desas flores que naceron na adversidade, desas herbas que aparecen no asfalto, con forza, e medraron e medraron e chegaron aquí. Estabamos preparados porque a xente tiña ganas, pero tanto éxito, dende logo que non.

AIGI BOGA

—Cales son as personaxes que máis lle choca ao público?

—É certo que a maioría da xente que vai ao espectáculo xa estaba vendo os directos que faciamos na pandemia. Tampouco son sorpresa as personaxes que saen. Ademais, utilizando recursos virtuais porque había moitos nos que levabamos filtros de Instagram, polo que temos que poñer pantallas. É dicir, é un espectáculo moi artesano pero ao mesmo tempo con bastantes recursos, moi vestidiño. Penso que ver unha personaxe que viches cun filtro de Instagram no escenario... ou ver a Javi, unha das que facía eu, ou Edu, que facía Touri co filtro da cara de paxaro, leva á xente a esas horas de once a doce que estabamos na casa porque non había moito remedio. Hai moito cariño por esas personaxes. Non é tanto que lles chame a atención como o cariño que ves con esas personaxes, porque parecía que estaban dentro da túa casa. E así foi...

—Os artistas non tivestedes outra fórmula para conectar coa xente, estando todo paralizado, pese á distancia que parece marcar unha pantalla. A sensación era a contraria, de cercanía e de moita creatividade. Un móbil é hoxe como a ventá da casa.

—Exacto. A nivel personal, tanto en min como en Touri, non hai nada de «estrellismo». Considérome un currela. Eu son artesán e fago humor, fago rir á xente, son actor pero esa ruptura artista-persoa, no meu caso, síntoa como súperimportante, non o entendo separado e ten que ver con como son eu. A xente deixounos liberar iso. 

AIGI BOGA

—Tamén a raíz daquela, a nivel de contidos humorísticos por parte de xente que ata entón era anónima medradron moito as redes sociais. Como o ve?

Paréceme guai a democratización do humor. Xa me gustaría a min cando tiña 18 anos ter unha plataforma na que me vise a xente. Tiven a sorte de facer o Koruño cando todavía YouTube estaba nacendo, que foi das primeiras cousas que se viralizaron en Galicia e non o aproveitei, ainda que me sinto un pouco precurso desa historia. Agora é ver, dez anos despois, como está o negocio. É un contido diverso co que se pode chegar a outros sitios. Por exemplo, unha rapaza que está en Camariñas, é redeira pero tamén fala de fútbol. Paréceme interesante. O que non me gusta é o ego que conleva todo isto. Penso que está moi ben pero... hai que subirse a un escenario, porque xa vin varios fiascos. É importante ter un oficio de levar anos e romper o lombo. Está ben facelo, pero tamén defendelo. O tempo e a vida pon todo no seu lugar.

«Paréceme guai a democratización do humor. Xa me gustaría a min cando tiña 18 anos ter unha plataforma na que me vise a xente»

—E, por casualidade, non haberá máis «Cuarentena» noutras vilas da Mariña este ano?

—De momento é Burela o único que hai, se non me equivoco.