Balvino Trelles, mariñeiro: «Cando non había faros, íache a vida en recoñecer cada pedra do litoral»
BURELA

Divulga os nomes de cada coio da costa e os porqués detrás deles para preservalos
16 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O camiño comeza onde hoxe se diría que está a sé de Capitanía Marítima, ou mesmo un taller de coches. Pero esta punta costeira de Burela ten un nome, O Penoural. E ten un pasado no que sobre o solo que pisamos se emprazou unha caldeira de cascar para a tinguidura das redes de pesca. Así o explica Balbino Trelles, mariñeiro xubilado: «Pillábase a corteza dos pinos, e nuns píos púñanse seis homes por cada lado, a machacar.
Isto bótabase en auga quente e logo metíase o aparello. Despois levábase alá», sinala co dedo, «ao campo do Cabaliño, para que secase. Daquela que non había nylon, había que tinguilo para que non pudrise» relata.
Trelles (Burela, 1944) convidounos a camiñar polo fermoso paseo marítimo de Burela, igual que o fixo con decenas de persoas durante o festival musical Osa do Mar, para contarlles que cada recuncho do litoral ten un nome, e ese nome un porqué. «Todo ten o seu significado. Gústame que a xente o saiba porque é algo que perde», afirma.
Balbino comezou a faenar ao bonito que hoxe identifica a Burela cando contaba 14 anos, «nun barco de carbón». Lembra, da primeira marea, a sensación de incomodidade no Horizonte, «porque non te podías lavar nin había váter».
Durmía nunha colchoneta feita con follas de maínzo. Despois de vir de traballar, pola noite estudaba no pósito. Máis adiante, co que aprendeu de compañeiros, sen unha formación académica, presentouse a exame para motorista. «Foi na Coruña, nun descanso despois de descargar peixe espada». E aprobou. Ten unha vinculación especial co Reina del Carmen, o antigo boniteiro de Burela hoxe convertido en barco-museo. Neste buque traballou 23 anos e durante tres foi guía.
Paso a paso, Trelles vai ofrecendo contexto para interpretar o que o outro ten á vista pero non é capaz de recoñecer. «Toda esta parte de Burela foi collida ao mar. Aquí había unha cetárea natural, e cando había olga, morrían as langostas. Viña o pobo comelas», apunta ao principio do camiño. «A xente quéixase do cheiro das algas, pero a natureza sabe. Bótaa para que pudra, crie o verme e logo coman os peixes», engade. Logo expón que «por aquí pasaba un carreiro que había que deixar libre para Salvamento Marítimo, porque había moitos naufraxios».
Polo camiño, bordeamos a Xulieira, onde había moitas «xulias» -doncela ou budión-; Cabo Forcado, Area das Cabras, o Coio da Lagoa, «onde moitas noites teño botado ás nécoras», lembra Balbino. «Non se valoraban moito. Na rula tampouco querían o rodaballo, preferían o chicharro», ri. O xurelo «ten quitado moita fame nesta zona. Miña nai levábao lañado, seco, nun burro a Cervo, á feira», indica.
Na andaina non só saen os nomes das formacións do litoral, senón tamén outras palabras, sustantivos ou verbos hoxe en desuso. «Aquí mesmo estaban en terra os talieiros, un ou dous mozos que eran fundamentais cando andabamos ás agullas. Cando avistaban un escallo, un banco de peixe, taleaban: avisaban aos barcos. E como o facían cando non había móbiles? Collían toxos, queimábanos e facían sinais», enfatiza.
Por que era importante nomear cada pedra? «Miña nai era pescantina. Cando andabamos aos centolos traíanos o almorzo nunha fiambreira. E daquela tiñamos que dicirlle: ‘hoxe vamos á Xulieira, ou á Furada do Cabo’. E así xa sabía onde tiña que ir», argumenta. Tamén era un modo de dividir o litoral para que os distintos barcos se poidesen distribuir á hora de faenar, e unha referencia cando case non había outras referencias. «Cando non tiñamos faro e había moita néboa, íache a vida en recoñecer cada coio. A xente ía á punta do porto para que a sentiramos», afonda desde Pena Guieira.
Cando Balbino sae na súa lancha, A Pomba, unha Rodman, usa pouco a cartografía. «Utilizo os ollos. Sei o calado que ten cada zona, en brazas», sostén. Polo camiño aparece un veciño que pesca con frecuencia. «Tes que ir á Carretiña», aconsella: «Hai farros e xuias a esgalla».