Julio Pernas, armador de Burela: «Con só dúas costeiras do bonito houbo quen fixo unha casa nova» 

BURELA

Julio Pernas, ao pé do Siempre San Prudencio
Julio Pernas, ao pé do Siempre San Prudencio XAIME RAMALLAL

Este ano levará a Virxe do Carme nas patronais burelenses, que se adiantan ao mes de xuño para non interferir nunha campaña que «o significou todo» para a vila

30 may 2023 . Actualizado a las 14:01 h.

A costeira do bonito tiña tal importancia para Burela, que se decidiu adiantar as festas patronais -na honra á Virxe do Carme e a San Xoán Bautista- para que os mariñeiros poidesen desfrutar cos seus seres queridos antes de comezar unha campaña tan lucrativa como maratoniana, que se prolongaba desde xuño ata outubro. No marco das patronais burelenses, o sábado que vén celebrarase a procesión marítima. O barco encargado de levar a imaxe da patroa da xente do mar será o palangreiro Siempre San Prudencio, o barco dos irmáns Julio e Juan José Pernas Otero.

—Que significa para un barco portar a imaxe da virxe?

—É un privilexio levar a santiña. A procesión marítima de Burela é unha tradición importante, aínda que cada vez quedamos barcos para participar nesta actividade das festas. A uns buques coincídelles estar en terra, pero a outros non, e os que están faenando non regresan xa para iso. Antes perdías dous ou tres días de traballo e non pasaba nada, pero agora a supervivencia non é fácil e a cuestión económica cada vez pesa máis para as empresas.

—A xente do mar é máis relixiosa que a que se dedica a outros oficios?

—A xente do mar, polo xeral, é moi relixiosa. Son tradicións que pasan de pais a fillos. A Virxe do Carme é algo simbólico, pero a devoción está moi viva. É a nosa raíz e estamos agarrados a ela.

—Vostede comezou no mar con 15 anos. Agora ten 73. Como mudou a relixiosidade nas tripulacións?

—Moito, moito (ri). Antigamente levabamos pedras para espantar as meigas, ortigas no medio dos aparellos, para que nos deran sorte. Ao quedar menos barcos, perdeuse todo, porque se o facías ti tamén o facía o outro (ri), e agora xa non. Agora esas costumes con peso, non se notan. Pero mantemos cousas, como ao saír do porto poñer a proa de cara á santiña que hai na punta do peirao. Hai quen non sae fanar en martes.

—Levou algún susto?

—Sustos serios, afortunadamente, non tivemos. Agora, pelexar co mal tempo... Ese é o pan de cada día (ri).

—E baterse con caladoiros lexendarios, como de Gran Sol.

—Nós pescamos ao palangre de fondo en Francia e no Gran Sol, que é un caladoiro moi rico é á vez moi complicado, pero, a pesar das trabas que poñen, substimos nel porque non nos queda máis opción. Ou loitas ou morres.

—Que lembra das costeiras do bonito nos anos 60 e 70?

—A raíz de Burela está no bonito, para a vila significouno todo. A costeira era tan importante que cambiaron de data as festas, que se facían polo San Xoán. Eu empecei nada máis quitar a libreta no Cuevas Oyuela. Ao principio iamos en barquiños pequenos, de madeira, e non nos moviamos moito da costa. A partir do 65 fixéronse buques meirandes e comezamos a desprazarnos ás Azores, ao sur de Irlanda. Os días de descarga, que era a man, cos barcos contra o peirao, o porto era un formigueiro. Había tanta xente como un día de festa. Mesmo cando se preparaban os buques.

—Para canto daba unha costeira?

—Había quen facía unha casa con dúas costeiras: compraban un solar un ano, e ao seguinte facíana.

—Gustáballe o mar ou foi o seu oficio porque tocaba?

—Ias traballar á pesca porque non había outra cousa. Meu irmán e máis eu comezamos con 15 anos. Fixemos de patróns, motoristas... Compramos o primeiro barco no 1972 e desde entón somos armadores. Tivemos o Rui González, o Pastor Nauta, o Moisés Daniel, o San Prudencio e o Tobalina e o Siempre San Prudencio, que son os dous que temos agora. O mar é a nosa vida.

—A Comisión Europea puxo o foco na pesca de fondo, tamén á arte do palangre de fondo, que é a arte que a súa empresa practica.

—O veto á pesca de fondo é denigrante, de auténtica vergoña. Pero como nós non somos os quepoñemos as normas, e a Comunidade Europea é a que decide, non nos queda alternativa. Se acatas as cousas ben, senón sanciónante. E acabas resignándote e pelexando como podes.

—Como ve o futuro?

—Estannos a condenar á transformación, e a única transformación que podemos facer vainos levar a unha hecatombe. Imos capturar peixe sen ter rentabilidade. Se cambiamos de arte e nos transformamos á volanta, vaise terminar todo. Ademais, concentrariamonos todos nos caladoiros permitidos. A menos sitios para pescar, maior concentración de barcos onde se pode. Pensa que se nun campo de fútbol collen unhas determinadas persoas, nese mesmo estadio vas ter que meter a metade máis das que collen. Non lle vexo moita alternativa.

—A falta de relevo é un quebradeiro de cabeza.

—É complicado que haxa relevo porque a supervivencia está complicada. A xente hoxe en día desvínculase un pouco. Hai tanta burocracia... A responsabilidade que ten un empresario neste sector é terrible, o mar é algo moi serio e en calquera momento podes ter un percance. Nunca podes descartar que haxa quen caia ao mar ou se manque.