Premio extraordinario para unha alumna do IES Perdouro, de Burela, que fixo 8 cursos en 3 anos

Lucía Rey
LUCÍA REY BURELA / LA VOZ

BURELA

Andresa, entre a directora e a vicedirectora do Perdouro
Andresa, entre a directora e a vicedirectora do Perdouro CEDIDA

A Xunta recoñece o esforzo de Andresa Fabiana Pinto, con dificultades auditivas, e de Yoel Ladra Ballesteros

27 ene 2023 . Actualizado a las 18:02 h.

Que un estudante complete oito cursos en tres anos non é doado. Pero aínda é máis complicado tendo unha discapacidade auditiva que dificulta o proceso de socialización e de aprendizaxe académica. E estes son só dous retos que superou Andresa Fabiana Xavier Pinto, unha alumna do IES Perdouro, de Burela, que acaba de obter o Premio Extraordinario ó Esforzo e á Dedicación no Ensino Secundario outorgado pola Consellería de Cultura e Educación. A distinción recoñece a capacidade que tivo Andresa para facer fronte a diferentes dificultades persoais, educativas e da contorna. Nacida en Cabo Verde, incorporouse ó sistema educativo galego de maneira tardía, no 2018, cando tiña 14 anos. Con todo, as medidas de atención á diversidade do proxecto Modelo Burela, impulsado, entre outros, polo profesor Bernardo Penabade, favoreceron o seu proceso de inclusión social e de mellora académica. «A notable mellora nas competencias básicas estivo acompañada da dedicación ó estudio e da colaboración dentro do grupo», subliña o docente.

Outro estudante do Perdouro, Yorel Ladra Ballesteros, también logrou o Premio Extraordinario ó Esforzo e á Dedicación no Ensino Secundario

Actualmente, Andresa cursa con normalidade os estudos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, ademais de estar aprendendo a tocar o piano. 

O premio está dotado con 1.000 euros. 

A Xunta tamén premiou a outro alumno do Perdouro, Yorel Ladra Ballesteros, que, entre outros, foi premiado no Certame Literario Trapero Pardo, convocado polo Concello de Lugo, e participou activamente en programas de colaboración coa USC ou a TVG.

Yorel Ladra Ballesteros, entre María José Pardiñas e Miruca Parga
Yorel Ladra Ballesteros, entre María José Pardiñas e Miruca Parga

«Alén do enorme mérito dos estudiantes con premio e de todos os compañeiros que conseguiron acadar a titulación de ESO, neste caso concreto o éxito débese á interacción de varios axentes internos e externos á escola. Dentro do propio centro educativo, teñen un papel destacado a profesora María José Andión Fontenla, por ter sido a primeira xefa de estudos que fixo un enorme esforzo para a reorientación dos recursos humanos dispoñibles na dirección dunha atención á diversidade realmente inclusiva; e a profesora María José Pardiñas, que foi capaz de manter esa atención primeiro na Xefatura de Estudos e despois na Dirección do centro educativo. Fóra do ámbito escolar, teñen especial protagonismo neste éxito os servizos sociais municipais (coordinados por Conchi Pernas Díaz) e do centro de saúde (coordinados por Minda Lusquiños), polo seu apoio constante ás familias dos mozos e mozas en risco de exclusión e pola decisiva colaboración á hora de preparar os informes individualizados de cada unha das candidaturas ao premio», subliña o profesor Bernardo Penabade.