Iago Míguez: «Cumprín o soño do neno que ía cada sábado ao Vista Alegre»

BURELA

Xaime Ramallal

Doído polo descenso, aínda non decidiu o seu futuro, pero pensa seguir en activo

07 ago 2022 . Actualizado a las 22:01 h.

Tras máis de 250 partidos e 97 goles en dez tempadas de laranxa, só interrompidas por un curso no Industrias Santa Coloma, Iago Míguez Expósito (Burela, 1991) buscará novos desafíos tras non acadar un acordo para renovar no Burela Pescados Rubén. Doído pola mala experiencia do recente descenso, avanza que escoita ofertas e non se plantexa a retirada nin un curso en branco.

—Que vai facer este curso?

—Agora mesmo non o sei moi ben. Estou valorando que é o que mellor me vén e máis me compensa. A miña saída do Burela foi bastante tarde e case todos os equipos están pechados. Iso fai un pouco máis difícil atopar un destino.

—Pensa en parar de xogar ou quere seguir en activo?

—Houbo e hai algunha oferta. Algunhas rexeiteinas. Prefiro valorar un pouquiño porque se me vou de aquí ten que compensarme de verdade.

—Por que non continúa no Burela?

—Non chegamos a un acordo para renovar. Entendo que eles teñen que mirar polos intereses do club e tomar as decisións que cren mellores e eu polos meus, pero non chegamos a un punto en común. A miña intención sempre foi continuar no Burela, tristemente non se deu, pero estou igualmente agradecido por todo este tempo no club.

—É máis doloroso irse así, tras un descenso?

—Si, éo porque marcho nun momento complicado, tras non ser capaces de cumprir ningún dos obxectivos da tempada. Foi un ano moi gris, moi difícil en tódolos aspectos. Os resultados tardaron moito en chegar e voume cun sabor amargo.

—Que fallou para estar tan lonxe da permanencia?

—Tardou moito a primeira vitoria que nos permitiu encadear unha boa xeira. Xornada tras xornada íamos poñendo encima lousas, partidos que estaban moi de cara escapábannos e ao final en ningún momento fomos capaces de atopar o noso mellor rendemento nin individual nin colectivo.

—Son moi distintas as sensacións ao descenso do 2017?

—Ao final os dous descensos son moi dolorosos, pero naquel estivemos moi preto do obxectivo, loitamos ata o final. Foi moi doloroso porque o tivemos na nosa man. Ao baixar con tanta antelación, esta vez todos íaos temendo este desenlace, éramos máis realistas, pero como futbolista é fastidiado saber que estiveches tan lonxe de cumprir co teu traballo.

—Pasase peor nun descenso ou nunha lesión tan grave como a que sufriu no xeonllo?

—Foi moi difícil, moito tempo sen facer o que me gusta nin axudar ao equipo. Saquei conclusións positivas porque fun capaz de volver a verme forte. Os descensos tamén son algo polo que ninguén quere pasar, foron momentos moi complicados como profesionais e para o club.

—Que balance persoal fai destes catro anos desde que volveu a Burela desde o Santa Coloma?

—Sufrín unha lesión grave, pero desde o momento en que me recuperei e volvín ás pistas, non tiven molestias nin recaídas. Ese era o obxectivo primordial. Pasar unha lesión así fíxome valorar ser máis feliz, ser máis consciente do bonito que é cada momento a pé de pista. Ademais diso, quédome coa tempada do ascenso, na que sentía que o equipo era un martelo pilón, sabía que, aínda que comezásemos perdendo, íamos gañar. E ademais o ano que nos mantivemos na promoción o equipo foi capaz de facerse grande nos momentos complicados para cumprir o obxectivo.

—Foron moi esixentes a nivel mental estes anos?

—Foron anos fastidiados, convulsos, nos que sempre estivemos ao límite coa zona do descenso, e iso esíxeche ser moi forte mentalmente para seguir traballando mentalizado para sacar adiante o seguinte partido. Tódolos anos baixa algún equipo que ninguén espera porque se mete aí nunha mala xeira e despois é moi difícil xestionar a situación, require moita sangue fría.

—Nesta última etapa medrou a porcentaxe de xogadores burelenses na escadra.

—Para min e para calquera rapaz de Burela ou da comarca é un orgullo. Desde pequeno vivín momentos importantes no noso fútbol sala e, de repente, estar aí en Primeira con máis rapaces da zona é un privilexio. Levar o nome de Burela e A Mariña por toda España é un orgullo. Cumprín o soño que tiña cando de neno ía cada sábado a Vista Alegre pensando algún día ver a mellor liga do mundo en Burela.

—Desenganchouse a afección desde aquela época na que vostede estaba na bancada?

—É unha pena. Segue habendo moita afección polo fútbol sala. O público é o activo máis grande que ten este club e oxalá a xente se volva enganchar como nos vellos tempos. É complexo, se houbese unha fórmula máxica seguro que xa a terían aplicado, a xente implícase cando se sinte identificada e orgullosa do equipo e cos últimos resultados non axudamos.