David Rial, novo técnico do Burela FS: «O obxectivo é construír un bo equipo, non ascender xa»

BURELA

David Rial, dirixindo un partido do Santiago Futsal
David Rial, dirixindo un partido do Santiago Futsal PACO RODRÍGUEZ

O adestrador santiagués quere dotar ao Pescados Rubén de savia nova

30 jun 2022 . Actualizado a las 20:51 h.

Comenzou a adestrar aos 16 anos, e aos 30 David Rial, tras dirixir ao Santiago Futsal (2019-2021) ou á selección galega sub-19, asume o temón do Pescados Rubén Burela FS masculino, ao que quere dar forma antes de pensar no regreso a Primeira.

—Como está a vivir estes primeiros días ao temón do equipo laranxa?

—Pois moi ilusionado, despois de chegar a un acordo moi rápido. Hai uns días que tivemos os primeiros contactos e había boa predisposición polas dúas partes.

Agora estamos a planificar a pretempada e a confección do bloque de xogadores.

—Que o atrae da entidade?

—No fútbol sala non hai moitos clubs coa estrutura que ten este, non hai máis que ver que é o único de Galicia cun equipo masculino e feminino de alto nivel. Eu son de Santiago e crieime dalgún xeito paralelamente ao Burela, había unha rivalidade cercana coa base santiaguesa e agora coñecerei esta entidade desde dentro.

—Por cantas tempadas se extende o acordo?

—Son dúas tempadas máis unha terceira opcional.

—Que impronta lle gustaría que tivese o Pescados Rubén Burela?

—Gustaríame que fosemos un equipo versátil. Tentaremos ter un grupo de xogadores que nos dea moitos recursos, que nos permita opcións de xogo, sexa con pivote ou xogando de catro. Temos que compensar a situación dos zurdos, porque non temos. A miña idea é que sexamos protagonistas, que queiramos a pelota e que a recuperemos canto antes, que transmitamos que temos fame de gañar independentemente da posición clasificatoria.

—Fala da clasificación. O ascenso debe ser o obxectivo?

—O que me transmite o club é que hai que reorganizar un pouquiño o bloque de xogadores, que é necesario darlle savia nova. A min gústame moito a idea, pola miña experiencia na base. O proxecto é multianual e o ascenso automático non vai ser o obxectivo, queremos construír un bo equipo, con xente que teña ganas de medrar. Hai que salvar a categoría e a partir de aí non nos poñemos límites de ningún tipo.

—Fala da necesidade de renovar o bloque. Cantos xogadores renovarán e cantos marcharán?

—Como ocorre en todos os equipos ao rematar a tempada, uns renovarán, outros non, e haberá xogadores tamén que teñan contrato en vigor e quizais teñan que salir se non se chega a un acordo. Cando descendes de categoría non tes a capacidade de manter os mesmos salarios. O club xa mantivo conversas avanzadas con xente que tiña na casa e penso que si que imos contar cun núcleo de futbolistas bo, que nos vai dar seguridade para ir completando o grupo.

—Cales son os perfís de xogadores que buscan no mercado?

—O perfil maioritario é de xente nova pero buscaremos tamén algún xogador experimentado para algunha posición específica.

—Que importancia terá a canteira no proxecto?

—Entendemos que hai que potenciar a canteira. Temos exemplos como Renato ou Pitero do valor da base, tamén Nito, ao que tiven cedido en Santiago. Queremos que os canteiráns sintan que o primeiro equipo pode ser unha opción, que non o vexan como algo lonxano.

—Que Segunda División agarda?

—Vai ser moi competitiva. A categoría do curso pasado foi a Segunda División con máis nivel dos últimos anos. Hai equipos que descenderon con máis de 40 puntos, unha salvaxada. A calidade non basta se non compites.