Grazas dende a ACM Dambara nas festas máis agardadas

DIRECTIVA AC DAMBARA

BURELA

01 jun 2022 . Actualizado a las 20:20 h.

Mediante este comunicado ACM Dambara quere agradecer e louvar o esforzo de todos os veciños que colaboran desde fai semanas -e nestes dias previos con mais intensidade- para que estas festas sexan posibles e as podamos vivir como se merecen, como as máis agardadas, pero coa mente posta tamén nos que xa non están con nos.

Neste retorno á festa tan especial, a nosa asociación vai contar coa colaboración de 5 bandas coas que queremos levar a música a cada un dos barrios de Burela: ademais de Santo Inocencio e Dambara (as bandas de ACM Dambara) acompañarannos a Banda de Música de Foz, Banda de Gaites de Corvera (Asturies), Fol do Roxal (Cervo), A Rebolaxe (San Cibrao) e Asubios da Chaira (Cospeito).

Estas bandas achegaranse a Burela para colaborar con nos, como froito de intercambios que nos levarán as súas vilas neste ano, o que supón para nos un bo esforzo, pero tamén unha gran satisfacción, pola mostra de aprecio que demostra pola nosa asociación e por Burela.

A elas súmanse, ao longo das festas, os Acordeonistas da Mariña, Ledicia, As Grileiras e a Escola de Música de Burela, facendo un total de 11 agrupacións que contribúen a que a música tradicional e de banda teñan na nosa vila o espazo e recoñecemento que sabemos que merecen, polo seu bo facer e o seu labor formativo ao longo de todo o ano.

Queremos lembrar, insistindo nunha idea que nos alenta, que as festas son moito máis que as orquestras de sona que alumean nos carteis; e tamén por iso, queremos expresar publicamente o noso agradecemento á Comisión de Festas de Burela, que nos ten en conta e nos axuda para que este propósito sexa posible.

Queremos tamén resaltar o traballo do resto das asociacións de Burela, como a de Alfombristas, Ledicia, Armadores, Mariñeiros, Redeiras, Comercio e, en xeral, de todos os veciños que axudan, cun esforzo discreto e constante, para facer grandes e especiais estas festas.

A música propia e as tradicións, sostidas de xeración en xeración, outorgan ás nosas festas un acento único, unha identidade propia e excepcional, froito da cultura colaborativa e solidaria desta vila, permeable e integradora. O que entre todos facemos non se podería acadar con cartos, pero sí co espírito de traballo e sacrificio da boa xente de Burela, xente do mar e do campo, vinda de diversos lugares do mundo.

Nestes dous últimos anos a nosa asociación conseguiu manter o pulso musical das festas con pasarrúas e nos actos celebrados no Reina del Carmen, acompañando á imaxe da Virxe no seu achegamento ao mar, invocando seu amparo. Pero por fin este ano poderemos celebrar unhas festas en plenitude, colaborando con músicos amigos e a veciñanza unida: esa pel, curtida polo nordés, que nos protexe como comunidade.