Iago Míguez, xogador do Pescados Rubén Burela: «Se o xogo non dá para gañar, a mentalidade non serve de nada»

BURELA

PEPA LOSADA

Recoñece o golpe moral contra Cartaxena e chama a corrixir os erros xa

22 nov 2021 . Actualizado a las 18:52 h.

Iago Míguez Expósito (Burela, 1991) fai autocrítica e recoñece os erros que afunden ao Pescados Rubén Burela na táboa da Primeira División de fútbol sala, pero tamén encontra no partido contra o Jimbee Cartaxena, no que dilapidaron unha renda de 4-1, motivos para crer que o «bo traballo» que desempeñan ás ordes de Riquer dará axiña froitos.

—Está preocupado?

—Estamos preocupados porque son sete partidos, un punto e o calendario que vén é complicado, pero tamén hai que ver o positivo, e o outro día fixemos un partidazo a excepción dos cinco últimos minutos. Esa é a liña a seguir. Viña o Cartaxena, un dos favoritos a estar moi arriba na liga, e fomos superiores, pero co seu porteiro-xogador todo se botou a perder. Temos que incidir nos adestramentos para mellorar aí e que non volva ocorrer, porque foi un golpe moi duro perder tras o gran traballo que fixemos. Contra Palma e Inter teremos opcións se somos o Burela que queremos ver, o que fomos durante 35 minutos contra Cartaxena, sen baixar os brazos nunca.

—Como se explica que o equipo pasara de ofrecer un nivel tan alto a virse abaixo desa forma?

—Influíu o aspecto anímico. Cos resultados que fixemos ata agora e o rápido que nos marcaron o 4-1 e o 4-2, nós baixamos e eles crecéronse. Son un equipo de moita pegada e cando ven sangue...

—Xa encaixaron 33 goles. É ese o seu gran lastre?

—Se encaixas cinco goles é moi difícil gañar porque hai moi poucos equipos que poidan facer seis goles. Coas calidades que temos, está claro que temos que mellorar moito nesa faceta.

—Tampouco axudan as lesións...

—Nun equipo como o noso, no que todos os xogadores somos necesarios, cada baixa é un contratempo importante, aínda que tal e como se deu o partido do sábado, ese non foi o problema. Contra Cartaxena todos rendemos a un gran nivel e creo que pesou máis o aspecto anímico cando vimos perigar a primeira vitoria.

—O problema do Burela é máis futbolístico ou mental?

—Se o xogo non dá, de nada serve ter mentalidade gañadora. O importante é o futbolístico, aínda que o mental axuda moito en situacións nas que as cousas poden caer dos dous lados. En todos os deportes se ve que cada vez hai máis traballo nese campo, pero hai moitas cousas que se non as tes traballadas non vas obter resultados. O noso traballo é bo, estamos adestrando ben, e contra Zaragoza, Levante ou Cartaxena demostramos que podemos facelo mellor, pero hai que ser realistas, asumir a situación e poñer todo para darlle a volta.

—Semella que son moitos os xogadores que están lonxe do seu mellor nivel...

—Se estamos nesta situación significa que todos temos que dar máis. Todo o mundo ten que ser un pouco o seu psicólogo e facer autocrítica para aportar todo o posible ao equipo. Uns terán que implicarse un pouco máis en defensa e outros en ataque. Nestes momentos é cando máis unidos temos que estar, non facer a guerra pola nosa conta, seguir sendo profesionais ao máximo e implicarnos en todo o que poidamos para reverter os malos resultados canto antes.

«Somos moi humildes, pero temos potencial para facelo moito mellor»

—Que tal está sendo a adaptación do novo adestrador, Alberto Riquer?

—Moi boa. Estamos a traballar moi ben. Incídenos en moitos aspectos do xogo e estamos traballando en novas ideas que trae. Os resultados non son os que queremos nós nin el, pero pídenos traballo e fortaleza mental para cambiar a dinámica.

—É un dos poucos no equipo que viviron o ascenso, e dende entón parece que cada ano se repiten os mesmos erros e o Burela se ve obrigado a sufrir. Desde dentro sénteno así?

—É que a liga de Primeira cada vez é máis esixente. Tódolos anos aparecen clubs en grandes estruturas e cidades que queren facer unha aposta de verdade e potente pola sección de fútbol sala, e iso eleva moito o nivel. O descenso ponse máis caro, e tamén gañar a liga ou meterse na Copa ou play off. O Burela é un dos mellores clubs en canto a estrutura e traballo, pero comparados coas grandísimas institucións que hai en España, somos moi humildes. Iso si, temos potencial para facelo moito mellor e imos loitar por manter a este club onde merece, en Primeira División.

«Foron moitos anos co Burela en Segunda, sei o esforzo que supón chegar a Primeira»

—Tras tanto tempo lonxe polo covid, senten o respaldo da afección?

—Si, o sábado xa se notou que están moi encima, arroupándonos, e nun momento tan delicado vai ser clave a axuda da afección. Pedímoslle que sigan con nós, que entre todos imos sacar adiante isto, como o ano pasado, e veñen partidos transcendentais en Vista Alegre nos que a comuñón entre o equipo e o público vai ser moi importante.

—Nese vestiario, falarán galego con frecuencia. Iso fortalece os vínculos?

—Todos temos un gran sentido de pertenza por xogar nun club galego, con tanta xente da casa e sentimos a responsabilidade de manter a Galicia e Burela no máis alto. É un sentimento forte que se vai notar.

—E ademais agora son o único club galego en Primeira. Para alguén que medrou aquí, que significa iso?

—É un orgullo, unha felicidade. Son moitos anos desfrutando do fútbol sala en Burela e foi moito tempo en Segunda División, polo que sabemos o esforzo que supón chegar á Primeira. Por club, equipo e afección merecemos seguir aquí.