Renato, canteirán e pichichi do Burela: «Todos remamos por igual para sacar adiante esta situación»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

Destaca a implicación de todos para afrontar a promoción de permanencia e mantén os pés no chan ante a tentación de equipos «top»

02 jun 2021 . Actualizado a las 07:51 h.

Tras tres semanas de total tensión e esixencia, o Pescados Rubén Burela prepara o asalto definitivo á permanencia en Primeira nun play out que comeza o sábado na cancha de El Ejido. Fala Renato Lopes Furtado (Santa Catarina, 1997), un canteirán cos galóns máis que gañados.

-Tardáballes moito un descanso?

-Menos mal que chegou. Estas últimas semanas foron de tolos.

-Estiveron moi preto de deixar pechada a permanencia. Como sentou no vestiario o gol de Palma a once segundos do final?

-Sentounos mal, claro, pero hai que pensar no que podemos mellorar, non niso. Temos que traballar para chegar nas mellores condicións ao play out. Debemos mellorar a defensa do porteiro-xogador, marcar as oportunidades que xeramos e non cometer erros que nos penalicen. Levamos un mazazo, pero é algo normal no deporte, ás veces toca a favor e ás veces en contra.

-Confináronse e despois xogáronse a vida con sete partidos en tres semanas, ¿séntense prexudicados por ilo?

-Non, penso que ata nos veu ben a esixencia de ter partidos cada tres días. Penso que o afrontamos bastante ben, aínda que quizais se nos notou o cansanzo nalgún partido un pouco máis intenso.

-E xa están preparados para o play out?

-Por suposto. Xa pensamos na eliminatoria contra El Ejido. Iremos alí a competir e, sobre todo, a gañar.

-É un recén ascendido a Segunda. Teñen referencias del?

-Non o coñezo moito, pero si vin o último partido. Pelexan todo, non dan un balón por perdido e vai ser complicado.

-Eles teñen a ilusión de subir a Primeira e o Burela a necesidade de non perder a categoría. Pode pasar factura a maior esixencia?

-Está claro que nós temos bastante que perder, pero non pode ser unha escusa. Temos que ir con todo e dar a cara para cumprir o obxectivo.

-El Ejido tamén vén de caer nun play off longo e esixente.

-Igual ca nós teñen días para recuperar, e seguro que van chegar con moita ilusión. Nós tamén temos un gran preparador físico e estaremos a tope, preparados para o que atopemos.

-Que nota pon ao seu equipo ao remate desta fase regular?

-Un 7 ou un 8. Creo que houbo partidos nos que puidemos dar un pouco máis e non estivemos á altura, pero noutros demos o máximo de nós. Foi unha liga moi igualada e custou moito gañar partidos.

-Vimos o mellor Burela neste tramo final?

-Volvemos do confinamento cun bo ton físico. Coidámonos bastante e iso reflectiuse no rendemento que demos nos partidos. Estivemos ben, con confianza, e fomos un equipo por encima de todo.

-A canteira botou o equipo ás costas. Dá ás o ser da casa cando ves o equipo nunha situación tan límite?

-Todo o equipo, desde o adestrador ata o último xogador, ten a mesma presión e as mesmas gañas. Aínda que os da casa quizais o sentimos doutra forma, todos remamos por igual para sacar adiante a situación.

-Para os rapaces da base será unha motivación ver tantos xogadores de Burela no primeiro equipo e cun rol tan importante, non cre?

-Somos a mostra de que con traballo e adicación pódese chegar arriba. Pero hai que ter paciencia, isto é longo.

Matamoros felicita al 12 naranja por su gol al Palma
Matamoros felicita al 12 naranja por su gol al Palma PEPA LOSADA

«Sería bonito ir a un equipo top ou á selección, pero a miña cabeza só está en salvarnos»

 

Para case ninguén pasou desapercibido o espectacular rendemento de Renato. Téntano os xigantes de Primeira e soa para a selección, pero a súa cabeza só pensa na permanencia, sostén.

-Como se sente Renato tras este esprint final?

-Con moita confianza. Teño moitos minutos e síntome a gusto sobre a pista.

-Parece que deu un paso adiante para converterse nun líder na cancha.

-Eu un líder non sei se o son, pero eu traballo tódolos días para mellorar e axudar ao equipo no que necesite e mande o adestrador. Penso que o meu traballo se está vendo reflectido na pista e agardo que siga así moito tempo.

-Que fixo no confinamento para volver con dous hat tricks en catro días e dez goles en sete partidos?

-Coideime moito, alimenteime ben e, sobre todo, mantiven unha mentalidade positiva. Confiaba en min e no equipo.

-Defende, regatea, combina e este ano meteu máis goles ca nunca. Onde está o teito de Renato?

-Todo se pode mellorar e seguirei traballando para ilo.

-Fálase de que o seguen algúns dos grandes. Está disposto a facer as maletas?

-É un premio ao traballo. Para min é un orgullo que se fale de grandes clubs, quere dicir que estou facendo as cousas ben, pero só penso en seguir traballando para manter o Burela en Primeira.

-Din que tamén o segue a selección, síntese preparado?

-Si, por que non? Estou traballando seguido e estar nun equipo top ou na selección sería moi bonito, pero agora mesmo a miña cabeza só está en salvarnos, só penso no play out contra El Ejido.