Basilio Otero: «A dixitalización na pesca é renovarse ou morrer»

«No mundo no que vivimos parece contar máis decir o que fas que facer», sinala o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores

Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores de España, nunha imaxe de arquivo
Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores de España, nunha imaxe de arquivo

REDACCIÓN/ LA VOZ

Con 204 dos 210 votos emitidos, vén de ser reelixido presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP). José Basilio Otero Rodríguez (Nois, Foz, 1971), segundo de seis irmáns e dono da lancha artesanal Sempre Xiana, atesoura a experiencia de trece anos como patrón maior de Burela e sete como presidente da federación lucense de pósitos.

Capitanea a nave de 170 das arredor de 210 entidades de esas dereito público sen ánimo de lucro con nove séculos de historia que afilian a empresarios e traballadores. Altavoces da pesca artesanal e do marisqueo, malia que a Unión Europea (UE) non as recoñeza, o presidente ten trazados rumbos para os vindeiros anos.

—Despois de media vida traballando na pesca artesanal, mellor o mar ou representar ao sector?

—Cada parte ten a súa cousa boa. Por tranquilidade, mellor ir ao mar, e máis na baixura Mariña. Adoita levarse tan ben que a miña muller chamábame o mariñeiro funcionario porque saíamos case xuntos da casa e ela, empregada dun concello, voltaba de traballar dúas horas despois de min. Para estar nalgún órgano representativo (hoxe non hai salarios), tenche que gustar, como a min, pero boto de menos ir ao mar. Despois de tantos anos e, sobre todo, desde que presido a FNCP, coñeces a moita xente que botarei de menos cando chegue o momento de irse, que será dentro de non moito tempo, espero.

—É a voz da pesca en varios foros.

—Son moitos e seguro que non lembro todos. Cinco consellos consultivos da UE (Mediterráneo, mercados, peláxicos, augas do sur de europa, rexións ultraperiféricas), socios de Europeche, da Confederación Española de Economía Social. Tamén pertencemos ao Consejo Económico y Social de España, ao de Medio Ambiente, ao de Mercados...

—Estar en todos eses organismos é importante para a pesca?

—É fundamental. Sempre digo que se estás para non estar, para que estás? Sen lialo, son patrón maior e presidente das confrarías para representar á nosa xente, para pelexar polas nosas necesidades, non para festas e festexos. Se importa estar, máis importante é decir que estás, comunícalo, porque no mundo no que vivimos parece que case conta máis decir o que fas que facer.

—Cal é a súa xornada laboral?

—Empezo ás oito da mañá e acabo cando cadra; normalmente nunca antes das oito da tarde, porque se suceden as videoconferencias, chamadas telefónicas... Nunca me desconecto, teño que ser patrón maior e presidente da federación nacional co mesmo horario que o dos mariñeiros, as vintecatro horas do día os 365 días do ano. Non hai horario porque quero estar atento sempre que haxa alguén no mar. Por fastidiado que poida estar, sempre vai a haber alguén pescando con forza oito, mollado, rebentado de traballar... Non podo queixarme, non vai conmigo.

—Cal é a folla de ruta da FNCP?

—Os retos inmediatos son o reglamento de pesca no Mediterráneo, que nos cruxe desde fai dous anos e traballamos intensamente para convencer ao Estado español de que non estamos tan mal como di algún informe, porque outros, que non son de parte, como o da FAO, apuntan que non é así. Igual de inmediato é a modificación do reglamento de control pesqueiro. Porque somos pescadores e non delincuentes, é o momento de poñer os puntos sobres as íes, temos que actuar agora que aínda non chegaron aos trílogos [a negociación da norma entre o Parlamento Europeo, a Comisión e o Consello].

—E os retos non tan urxentes?

—Todos os anos imos ter sobresaltos cos TACs (topes admisibles de capturas) e as cotas, agora máis cos días de reducción no Mediterráneo. Sen présa pero sen pausa, a dixitalización do sector. É primordial que esté á última, máxime cando xa é obrigatorio que as persoas xurídicas só se poidan relacionar dixitalmente coa Administración. Hai moitas persoas xurídicas de certa idade ás que as confrarías e federacións temos que botarlles unha man de forma moi intensa. Cun proxecto a dous anos, apoiándonos no decreto de innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, traballamos para facer os trámites dunha forma máis sinxela. A dixitalización é renovarse ou morrer,. Queremos aproveitar eses teléfonos móbiles que tanto usamos a cotío para facilitarlle o traballo ao sector e á Administración.

—O relevo xeracional persiste como problema de fondo?

—É un reto de pasado e non pararemos ata resolvelo. Non só nas tripulacións, senón, e realmente é o que máis medo me dá, nos empresarios. Hai moitos armadores con moita idade e sen relevo, porque os fillos non se dedican á pesca. Burela, o meu pobo, é un exemplo clarísimo. Tamén levamos tempo, coa patronal Cepesca e os sindicatos, para conseguir que a baixura poida traer tripulantes de terceiros paises.

—Tamén preocupa a caída do consumo de produtos do mar.

—Na FNCP renovamos os proxectos coa Fundación Biodiversidad e os convenios con Pesca para relanzar o consumo. Confiamos en retomar a final de ano accións presenciais programadas que no 2020 non puideron ser pola pandemia. Temos que facer moita divulgación cos pequenos, porque sabemos que eles levan aos pais a mercar peixe. Nese sentido, alabo a iniciativa da Organización de Palangreros Guardeses coas hamburguesas de peixe espada, cun sabor delicioso que aos pequenos lles encanta. É unha iniciativa a ter en conta para replicar, porque o peixe é sano e necesario, máis na pandemia, para ter máis defensas.

«As confrarías non deixamos de atender nin neses primeiros meses tolos da pandemia»

—A pesca tampouco se librou da factura da pandemia.

—A lectura é dispar, en tempo e zonas. Ao principio moitísima incidencia no Mediterráneo, cunha caída de prezos tremenda, pero no Cantábrico Noroeste foi un pouco menor porque coincidiu coa campaña da xarda, que enlazamos coa do bocarte e o bonito. Obrigou a facer cousas diferentes, barcos que nunca foran ao bonito buscaron refuxio nel porque na súa pesquería non tiñan futuro. O Mediterráneo foise incorporando pouco a pouco e normalizouse no verán, cando no norte houbo os primeiros confinamentos de barcos.

—Resentíronse os mercados?

—O peche da hostalería e a restauración, a canle Horeca, afectou, pero o consumo nos fogares compensouno en parte. Por exemplo, no Nadal, polo que queremos agradecer á xente de España a súa gran resposta canto temíamos desplomes de prezos e caídas de consumo. Grazas aos españois, a principal campaña do ano para nós foi todo o normal que pode ser nunha pandemia.

—Tamén houbo leccións.

—Certo, moita aprendizaxe. Estou de acordo con quen din que nos fixo avanzar cinco ou seis anos na dixitalización. Un exemplo claro na FNCP, cando empecei a presidila non tiñamos wifi nin dominio propio, pero unha semana despois do estado de alarma traballabamos telematicamente. Non deixamos de atender á xente neses primeiros meses tolos, tolos, tolos...

—Pescadores esenciais para traballar pero non para vacinarse.

—Non queremos ser prioritarios, pero que si que se recoñeza que os traballadores do mar somos especiais porque compartimos espazos reducidos nos barcos, onde un só contaxiado pode poñer en risco a todos os compañeiros e paralizar empresas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Basilio Otero: «A dixitalización na pesca é renovarse ou morrer»