Basilio Otero: «A venta de peixes e mariscos non vai ser tan boiante neste Nadal»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

BURELA

BENITO ORDOÑEZ

O patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da federación nacional constata a «preocupación» do sector mariñeiro pola restricción de ceas en familia

05 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ainda que foi o colofón da conversa, comezamos co máis urxente: o Nadal. As festas, coas múltiples ceas familiares e os tradicionais eventos de empresa que este ano sufrirán, seguramente, un freo debido ao covid, representan un importantísimo pulo para o sector pesqueiro. «Con diferencia, o Nadal é a época do ano máis importante a nivel económico», suliña Basilio Otero Rodríguez (Nois-Foz, 1971), quen no 2021 cumprirá os 50 anos. O consumo de mariscos e peixes, e falamos das «pezas máis cotizadas», dispárase habitualmente pero as restriccións que limitarán tales encontros, só cos «achegados», fan temer uns resultados adversos para a pesca. Ante unha «incertidume tan grande», como define Otero o actual sentir tanto social como do mar, «por como van ser as ceas», remarca, a atención céntrase na venta de «mariscos e pezas grandes de besugo, merluza, un bo rape... que antes se consumían moito e que agora vai ser complicado, por dúas razóns, porque as ceas están limitándose a dez personas e, este ano, esquécete das de empresa. Eran un consumo en peixes e mariscos importantisimo!». Ten moi claro que «non vai ser boiante este Nadal coma outros» en ventas pero toca pedir, recoñece, «unha prudencia enorme cos nosos maiores e coas persoas de risco» nunha pandemia coma esta.

Ao longo dos tempos, o sector ten atravesado situacións difíciles, pero este é un novo contexto, para todos. E moitos cambios e avances, como a dixitalización nos barcos e outros derivados de novas normativas. Sen embargo, «os traballos son os mesmos» e segue a facer falla forza bruta. En canto ao futuro, que pasa pola pesca chamada sostible, di: «Eu creo que vai seguir habendo pesca, porque peixe segue habendo. O que temos que preguntar é se nos van deixar pescar».

Despois de comezar no oficio con 15 anos da man de seu pai e pasar profesionalmente polas embarcacións Antonio Inepomucena, o Montserrat Terceiro que adquiriu en 1995, o Pacholo en 1997 tras vender o anterior e, dende 2006, o Sempre Xiana (o nome da súa filla) e dedicarse fundamentalmente á pesca de polbo e nécora -«no verán nalgunha ocasión, coa veda do polbo, a pescar salmonetes ou robalizas», engade-, Basilio Otero leva actualmente «tres anos sen ir ao mar». Nunha nova etapa vital e profesional, comenta que «todo foi unha serie de circunstancias» as que o levaron a acabar sendo patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, presidir a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e ser o único mariñao na presidencia da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, despois de que «no 2016 -relata- convocaran eleccións. Ninguén quixera presentarse porque había problemas económicos tremendisimos e volveran a facelas. Fora con Sergio López a Madrid a preguntar como estaba a situacion, asustaba... e díxenme ‘vou intentar que isto non morra'».

Se ten que comparar os dous mundos da súa traxectoria, confesa: «É máis tranquilo ir ao mar que presidir unha organización de pescadores». Tira de refrán de sobra coñecido para explicar a experiencia na presidencia: «No hay horario ni fecha en el calendario». Fala de cinco claves para intentar chegar a bo porto nun cometido así: «Para min hai cinco claves: decisión, determinación e, parafraeseando a Albor, expresidente da Xunta, quen dicía que en política había tres cousas fundamentais: prudencia, prudencia e prudencia». «Sempre digo que a institución é sagrada. As persoas imos e vimos, pero a institución debe permanecer no tempo. Logo, uns temos unhas formas de levala. Pero ningunhas son mellores nin peores», finaliza.

Comezou con 15 anos a andar ao mar da man de seu pai e xa seu avó fora mariñeiro

Entramos nun terreo máis personal. Xa naceu «ao lado do mar», en Nois, por iso é doado que teña lembranzas de ir de moi neno a coller «pulga» para pescar ou de ir xogar á ribeira. Na súa extensa familia (que recibe o nome da avoa Ramona da Xuliana), o avó Eulogio era mariñeiro: «Foi cociñeiro en barcos do bonito». Ese legado en forma de oficio pasou a Pepe da Xuliana, o pai de Basilio que actualmente ten 72 anos e con quen empezou a pescar, aos 15 anos, despois de tomar a decisión de deixar os estudos que comezara de Electrónica en FP.

Aí arrancaría esa etapa no mar, xa oficialmente, un rapaz daquela que hoxe lembra «con 6 ou 8 anos ir á ribeira a por olga e coller caracois, tamén follas de loureiro e de eucalipto para mandar a Madrid», colaborar coas tarefas da casa nas vacacións escolares ou «con 11 anos, coller o tren en Nois para baixar ao porto de Burela a axudarlle a meu pai».

 

Paso por Alúmina Aluminio

Tivo un paréntese laboral no que traballou en auxiliares de Alúmina Aluminio en tarefas de pintura e mecánicas, incluso barrendo debaixo das cubas, pero «non me gustou». Así que voltou ao mar, que é a súa vida pese a que en varias circunstancias case se veu a piques de perdela. Relata varios accidentes con tal nitidez como se houberan pasado onte mesmo, algún que quedou nun «pequeno susto» cando estaba con seu pai no muelle, outros no medio e medio dun «temporal tremendo» tendo que axudar a un tripulante ou sinistros a bordo coma o da súa primeira muller, Carmen, mariñeira [en 2016 casou, en segundas nupcias, con Diana Durán] Que se pensa no mar, neses momentos especialmente duros? :«Só penso en chegar a terra».