Sara Gil, xornalista burelense: «Falta moita literatura que escribir sobre a comunidade caboverdiana»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia BURELA/LA VOZ

BURELA

CEDIDA

Dálles voz nun traballo de fin de máster presentado en Barcelona contando «as súas historias de migración»

30 oct 2020 . Actualizado a las 14:15 h.

Mil quilómetros afastan xeográficamente dúas localidades de dimensións urbanas diferentes pero mesma letra inicial: Burela e Barcelona. Eses mil quilómetros separan do seu fogar natal á xornalista burelense Sara Gil, con estudos do Grao en Xornalismo feitos na Universidade de Santiago de Compostela, quen está establecida na cidade condal dende hai «un ano e un mes».

—Barcelona non é a súa única experiencia fóra de Burela...

—Ademais de marchar de Burela aos 18 anos para vivir en Santiago, a miña experiencia fóra da casa foi en Grecia. Durante o meu cuarto ano de carreira vivín seis meses en Atenas co programa Erasmus. Posteriormente volvín a Santiago de Compostela para rematar xornalismo e logo tocou tomar a decisión de volver mudarme. Por que? Porque quería seguir especializándome en xornalismo e, polo tanto, era necesario que me trasladara a algunha outra cidade. A decisión de que fose Barcelona deuse porque é o único sitio do Estado español onde está o máster que quería facer.

—Que máster fixo e como resulta a vida en Barcelona sobre todo agora, coa situación do covid?

—Estiven a estudar o Máster en Periodismo Avanzado. Reporterismo da Universidade Blanquerna-Ramon Llull durante este último ano. Comecei en outubro de 2019 e rematei en setembro de 2020 coa entrega do Traballo Final de Máster, aínda que as clases remataron en xuño de 2020. Foi un ano diferente, como para todas nós. No meu caso xuntáronse factores moi diversos: o primeiro, que me mudaba a unha cidade moito máis grande que Santiago; o segundo, que comecei un máster que realmente me apaixonaba e que superou as miñas expectativas; o terceiro, obviamente, a situación de crise sanitaria e social que se deu. Vivir esta experiencia, deste xeito, foi tamén peculiar. Dende marzo continuamos coas clases de modo online. Realmente, as miñas compañeiras e máis eu, consideramos que non sacamos o mesmo partido que estando de maneira presencial nas aulas, pero tamén foi todo un reto seguir as clases así.

—Por que elixiu o tema caboverdiano para o traballo final?

—Naceu coa necesidade de mostrar por unha ventaniña pequena esa realidade dos veciños e veciñas da comunidade caboverdiana na Mariña, de mostrar as súas historias de migración. E de mostralo, ademais, nun lugar de lonxe e onde non coñecían o tema. Podo dicir que agromou dun sentimento de querer transmitir, de querer recoller no papel... mais sen forma. Pouco a pouco, co paso dos meses e co avance das entrevistas, cada vez estivo máis claro como debería estruturarse. O documento final mostra un proxecto dividido en dúas partes: o contexto académico e marco teórico sobre a migración dos veciños e veciñas de Cabo Verde á Mariña; e unha reportaxe baseada en catro protagonistas (Antonina Semedo, Edilson Sanches, Paula Jorge e Ivandro Soares). A elaboración deste TFM foi un percorrido moi fermoso e cheo de sentimento. Con adaptacións constantes á realidade que estabamos a vivir todas... E a conclusión de todo o que puiden aprender é incríbel. E espero seguir facéndoo, xa que conto con continuar a investigación. A parte máis importante deste traballo, as entrevistas aos protagonistas, foron un regalo para min. Así mesmo, contar coa axuda inestimable dos axentes sociais que puiden entrevistar tamén foi todo un agasallo. Non podo pasar sen dicir que oxalá este traballo estivese escrito por mans caboverdianas. Eu, finalmente, só son unha ventaniña máis pola que mirar a estas veciñas e veciños, pero a súa historia debe ser contada por eles. Esta é a alma deste TFM, que os protagonistas teñan a voz para que saibamos todo o que non vemos detrás de cada persoa. Falta moita literatura que escribir sobre este tema. Pasaron catro décadas e o que hai publicado cóntase cos dedos da man.

«Destaco todo este potencial cultural de Burela e que non estamos a aproveitar»

—Que máis destacaría da comunidade que forma parte da historia e da idiosincrasia social e veciñal da súa vila natal?

—Destaco todo este potencial cultural que temos en Burela e que non estamos a aproveitar. E, obviamente, destaco o galego como lingua vehicular do noso municipio, sen esquecer todo o traballo que aínda queda por diante. Considero que a parte máis especial do noso pobo é a cantidade de persoas que convivimos, con tantas e tantas historias que contar. Con tantas realidades diferentes que mostrar. Coido que, ás veces, non é fácil saír da burbulla e darnos conta de todo o que sucede en Burela se estamos dende dentro. Eu a primeira que tivo que marchar a diversos lugares para darse conta da inmensa envergadura que ten o asunto cultural da nosa vila. Que nos aporta medrar nesta multiculturalidade? Probablemente ferramentas sociais que nos acompañan toda a vida.

—Que cre que se podería facer aínda en materia de integración para esa comunidade?

—Hai moito, moitísimo por facer en materia de integración e, sobre todo, de inclusión. Non son eu quen debería dicir estas palabras, mais precisamente polo proxecto que levei a cabo (e que desexo continuar) tiven a oportunidade de escoitar diferentes voces que son claras na súa postura: queda moito por facer. Debemos esforzarnos en ter un plan educativo de acollida que evite que cada novo alumno que chega de Cabo Verde teña que pasar por unha adaptación cuns métodos que son moi mellorables. Queda moito traballo no ámbito das regularizacións, tanto de procesos como pode ser acadar a residencia ou a nacionalidade ata xestións como a asistencia sanitaria.