Ature as súas contradicións, señor Pillado


PARTIDO POPULAR DE BURELA

Xa se nota que ao Sr. Pillado lle queiman, como se botara sal nunha ferida aberta, as verdades que dicimos dende o PP. Por algo será.

Será porque non traballou o suficiente como para revisar minuciosamente o informe de adxudicación da mesa de contratación do servizo da recollida de lixo e ver as graves deficiencias que nós detectamos.

Será porque por iso, por non traballar e lerse o mencionado informe, agarrouse a un cravo quente, o informe de secretaría, (hai que ter máis valor, señor Pillado) para xustificar a súa abstención.

Será porque ten remordementos de conciencia porque por non ter feitos os deberes que lle correspondían nese momento e por esa abstención vén de propiciar o incremento do prezo anual da recollida de lixo e da limpeza viaria nada menos que en 156.000 €.

Será porque non é capaz de explicar os motivos reais de tal abstención (que lle ofreceu o señor Llano, señor Pillado) e agora vese na obriga de auto xustificarse pedindo melloras na recollida de lixo e da limpeza viaria.

Será porque o BNG predica a xestión directa dos servizos municipais, pero logo aproba as privatizacións como aconteceu hai pouco en Sarria (xa, xa sabemos que Sarria non é Burela, pero tampouco o son Catoira ou Viana do Bolo) ou se abstén para favorecelas, como fixo en Burela. En Burela, Sr. Pillado, nin en Sarria, nin en Catoira, nin en Viana do Bolo.

Será que tamén se abstivo na aprobación do presuposto, do peor presuposto municipal da historia do concello, cun investimento real que non chega aos 200.000 €.

O certo é que vostede, señor Pillado, ou se abstén directamente para que saian adiante os despropósitos do señor Llano ou en contadas ocasións suxire unhas leves modificacións para xustificar ese apoio indirecto tratando de lavar así a súa cara fronte aos veciños e veciñas de Burela ou ben perde a timidez e a vergoña e apoia sen ambaxes o mundo ao revés do Sr. alcalde.

Será por iso, señor Pillado, que cos antecedentes indicados vostede non pode considerarse oposición. Se oposición é apoiar, aínda que sexa coa abstención, o peor para Burela, vostede debería pensar seriamente o papel que está a xogar na corporación.

Máis aínda logo de non querer sentarse diante dunha mesa con boa parte dos veciños e veciñas de Burela, democraticamente representados polo Partido Popular, para falar das cousas que había que falar antes da investidura do alcalde, o que demostra uns enormes prexuízos ideolóxicos impropios de alguén que se presenta á alcaldía dun pobo coma Burela.

Xa lle adiantamos que nós seguimos dispostos a falar con vostede e co seu grupo das cousas importantes para Burela, cando o considere oportuno, e das non tan importantes aínda que só sexa para intercambiar impresións.

Por todo iso, señor Pillado, non pode darlle leccións a ninguén. O sal dese apoio sistemático, directo ou indirecto, ao goberno do señor Llano tamén lles queima aos seus votantes, non o dubide.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Ature as súas contradicións, señor Pillado