Claudia Rodríguez: «Dany e Cilene son as miñas referencias no fútbol sala»

BURELA

CEDIDA

A promesa burelista, de só 13 anos, leva medio ano sen adestrar por unha pandemia que tamén lle impediu desfrutar o Nacional

05 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos clubs en España fixeron tanto por acadar a igualdade no deporte como o Pescados Rubén Burela. O legado da entidade laranxa vai moito máis alá dunha vitrina chea de coroas ou un convenio histórico. As nenas da Mariña medraron vendo a unhas mulleres vestidas de laranxa sentirse capaces de todo cun balón nos pés, e nesas novas xeracións moitas queren emulalas.

É o caso de Claudia Rodríguez Rivas, de só 13 anos, unha das máis prometedoras xoias da base burelista. «Dany e Cilene son as miñas referencias no fútbol sala. Gústame como regatea Cilene e o xogo de Dany na posición de pívot», explica sobre dúas das brasileiras que lideran dende a cancha ao actual campión de Liga.

Co filial de Autonómica

A xogadora do equipo infantil tivo xa unha notable presenza ás ordes de Míchel Couceiro no conxunto de Primeira Galicia, que acadou o ascenso a Preferente, aportando ela cinco goles en dez partidos. «Xogo de universal agora. Dou bos pases, son intensa en defensa e teño bos conceptos tácticos», relata Claudia, que soña con acadar algún día a máxima categoría. «Sei que iso é moi difícil», matiza.

Tras comezar a xogar ao fútbol sala con só cinco anos, e sempre rodeada de nenos, agora por fin participa nunha competición feminina no Burela infantil, ás ordes de David Riveira. «Sempre xoguei con nenos, pero lévome ben con eles, nunca foi un problema», conta.

Os técnicos da Federación Galega seguen os seus avances dende moi preto, e tras citala para varios adestramentos, tamén a convocaron para xogar o Campionato de España coa selección irmandiña da categoría. A pandemia impediu que o torneo se puidese celebrar: «Íamos xogar en Almería o 18 e 19 de marzo contra Melilla e Ceuta para clasificarnos aos oitavos de final, pero non se puido polo coronavirus».

Claudia, que xa foi campioa e subcampioa galega no torneo de combinados zonais hai un par de anos, repasa, leva dende entón practicamente seis meses sen desfrutar do seu deporte. «Bótoo de menos moitísimo», admite coa esperanza de volver a xogar pronto: «A ver se hai sorte e en outubro podemos volver adestrar».