Aturando tempestades de sal

Mario Pillado OPINIÓN

BURELA

PEPA LOSADA

31 ago 2020 . Actualizado a las 11:08 h.

É evidente que a chegada da pandemia derivada do covid-19 mudouno todo. Mesmo a nivel oficial se suspenderon os prazos administrativos. Mais tamén hai cousas que non cambian, nin en Burela nin en Galiza. Na nosa vila contamos cunha situación política complexa na que dende os grupos municipais debéramos, cando menos, ser conscientes da mesma e actuar con seriedade, responsabilidade e honestidade para o ben da veciñanza. Cando o fixemos, fomos capaces de ofrecerlle ó conxunto de burelás e burelaos un proxecto coma o do Plan Único, aprobado sen votos en contra, con 80.000 euros para gastos derivados do covid e obras de necesidade e urxencia real para a vila.

Non está a ser a norma xeral. Se consideramos o contrato de limpeza viaria e recollida e xestión do lixo a falta de diálogo do alcalde socialista, Alfredo Llano, tensou unha situación que derivou nun informe de secretaría de claras consecuencias legais. Unha situación ante a que non cabía mais ca responsabilidade. Saiu adiante a concesión dun servizo máis caro pero que polo momento presenta carencias para os veciños. É inaceptable que se intensifiquen labores de limpeza por lugares máis céntricos e se descoiden outros xa abandonados. Como xa publicamos, as queixas veciñais non rematan nunca. E non serve que o señor Llano negue a maior cando lle sacamos o tema. O equipo de goberno ten que traballar no curto, medio e longo prazo para revertir a situación e non pode subir os impostos. Pero, sobre todo, parécenos vergoñento que se requira a colaboración de todo un pobo que xa paga os servizos máis caros do seu entorno no medio dunha reportaxe fotográfica do máis eludible. Moita Burela Bonita, pero a maleza inunda beirarrúas, os solares que foron rozados deixan ó descuberto todo tipo de lixo, que tamén se acumula arredor dos contedores.

 

Descontrolado, obsesionado

Por outra banda, un Partido Popular descontrolado, obsesionado con responsabilizar ó BNG de case todo, polo simple feito de non seguir os seus plans. E eses non eran outros que traer para Burela o lamentable espectáculo que vemos en concellos coma Catoira, Castrelo de Miño, Viana do Bolo ou San Xoán do Río. Por iso gastan máis esforzos en fiscalizar as nosas posturas e votacións que no traballo como representantes electos pola veciñanza. Acúsannos de facilitar ese contrato do lixo pero o seu portavoz pretendía non votar a proposta de alcaldía porque sabía que a responsable era a nosa postura.

Teñen un problema: que non somos todos iguais. Ante un accidente do camión do lixo uns interesámonos personalmente pola integridade dos traballadores e outros fixeron brincadeiras de moi mal gusto nas redes sociais. Ante as mentiras e acusacións do presidente da Xunta en pleno rebrote, nós defendimos o noso pobo, pero eles atacaron personalmente a un que escribe para salvar a cara do seu amado líder.

No PP poden estar tranquilos, no BNG non nos martirizamos...senón que traballamos. Tentamos facelo con seriedade, honestidade e responsabilidade. Analizamos, posicionámonos e argumentamos. A nós o que nos move son a Xustiza, a Liberdade e a Democracia. Unha lástima que percibamos que os outros grupos da corporación, tamén o do PSOE, ven máis útil tirar de medias verdades (cando non mentiras) para non moverse nin un milímetro da súa posición. Queda por diante moito mandato. Nese tempo os grupos políticos temos que dalo mellor de nós para sacar esta vila adiante. Pola nosa parte empregaremos sempre o diálogo, pero deixamos claro que nós tomamos as nosas propias decisións e posicións, segundo as nosas ideas e o interese da xente do común. Asi traballamos no BNG, cando triplicamos votos pero tamén se nos quedamos cun só representante.

Aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal!