Juanma Marrube: «A realidade de Burela en 30 anos de fútbol sala é que para estar en Primeira hai que traballar moito»

BURELA

PEPA LOSADA

ENTREVISTA. Así afronta o cadro burelense outra aventura entre xigantes

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Manuel Marrube Rodríguez (1979) coñece como poucos a cultura traballadora que caracteriza a vida e o fútbol sala de Burela. Quizais por iso logrou asentarse máis ca ninguén no banco do Pescados Rubén dende os prematuros tempos de Pardeiro. O Mariskal comeza hoxe a súa cuarta tempada á fronte dun conxunto masculino que se quere afianzar en Primeira sendo firme nunha filosofía de «picar pedra» e axudar a medrar a xogadores da casa.

-Case todos os rivais se reforzaron moito, ¿vai ser unha Liga máis esixente?

-Creo que si, por moitos motivos. Vai haber dous rivais máis, e iso fará máis amplos os cortes. Na loita polo descenso haberá cinco equipos, e non tres. E ademais o formato será esixente, teremos unha primeira semana con tres partidos. Tras cinco meses parados, moi poucos equipos van chegar preparados a unha semana de nove puntos. En tres meses xogaremos 16 partidos, e logo quedarán seis meses para outros 18. Encima, está a incerteza de que pasa se a alguén lle ocorre o do Fuenlabrada.

-Semella que fixeron os deberes fichando experiencia e gol. Era o que máis botaban en falta, non?

-Estou feliz porque fichamos xogadores acordes á filosofía do que é o Burela. Trouxemos xogadores galegos ou que coñecen a nosa forma de traballar e con experiencia. Con Pazos e Quintela gañamos potencial, un vainos dar ese carácter armador de ataques desde atrás, e o outro é unha boa referencia arriba. Ademais Giasson é un xogador que nos aportará moitísima experiencia, Javi Rodríguez ten xa uns antecedentes con nós que fan que moitas cousas estean avanzadas. Con el, que foi compañeiro meu aquí, hai un nexo de unión claro e sabe ben a onde vén e que se lle vai pedir.

-Case podemos dicir que Iago Míguez é unha quinta fichaxe.

-A nivel corpo técnico, así é, falamos de cinco fichaxes. Pero vén dun proceso de recuperación moi difícil e vai necesitar partidos para volver a ser Iago. Puxo moito da súa parte, recuperou ben, pero queda o máis difícil que é retomar o nivel de competición. Tamén Eto'o tardará en arrincar porque chega o 31 e terá que facer corentena.

-Con tantos cambios e de tanto nivel, que rendemento esixe?

-O rendemento é complicado de medir. A excelencia dun equipo que está abaixo na clasificación non se pode medir só en se gañas ou perdes. O rendemento do meu equipo vai no que eran hai pouco Pitero, Álex Diz ou Renato e o que son agora. Tanto tempo sufrindo, estando últimos en Primeira, ten que ser un valor engadido para afrontar esta tempada. Non podo esixir o mesmo a quen leva 30 partidos en Primeira que a quen leva 300.

-Teñen 13 fichas. Vai ter máis peso a canteira?

-A canteira sempre tivo moito peso desde que estou aquí. Renato, Pitero e Iago Míguez son xogadores importantes no primeiro equipo. Tamén contaremos con Nito, que volve tras estar cedido no Santiago, Bruno será o terceiro porteiro, e Quelle e Renatinho tamén estarán en dinámica do primeiro equipo. Son sete xogadores que están con nós dende nenos, e non imos contar a Javi Rodríguez, que tamén estivo no equipo xuvenil (bromea).

-O gran obxectivo é a permanencia?

-A realidade que nos ensinan trinta anos de fútbol sala en Burela é que para estar en Primeira hai que traballar e picar moita pedra. A realidade do club é loitar por seguir na elite.

«Aquí houbo equipazos, pero só ascendimos cun grupo de xente nova cunha gran filosofía de traballo»

Cando a pandemia do covid-19 puxo o mundo patas arriba, o Pescados Rubén Burela era o pechacancelas de Primeira División, a catro puntos da permanencia e con sete partidos por diante. O cerre da campaña sen descensos beneficiou aos de Juanma.

-Cría posible a permanencia?

-Tíñamos na seguinte xornada un enfrontamento directo co Zaragoza, e despois outro contra o Córdoba. É certo que estaba difícil, pero o equipo mostrouse moi enteiro sempre. Pese a estar último toda a campaña, sempre nos levantamos e seguimos competindo ata o final por gañar partidos. En Primeira non é nada fácil gañar, pero todo o que competimos, mantendo a nosa identidade en case todos os partidos, agora dános unhas táboas para afrontar o novo curso.

-Será o seu cuarto ano ao mando, o equipo parécese ao que quere?

-Os precedentes demostran que non é fácil estar tanto tempo de adestrador en Burela. Sempre tiven claro o prototipo de equipo que quería, e por sorte a xente do club está de acordo comigo. Todo o noso plantel practicamente se formou en Galicia, no Burela ou no Santiago, só temos dous brasileiros e un polaco. Pensamos que ese é o modelo ideal, o máis sostible. Ademais, creo que temos unha gran cultura de traballo, fomos un equipo que ata sendo último transmitía, do que a grada se podía sentir orgulloso.

-Dende o seu primeiro día insistiu en facer ao Vista Alegre sentirse orgulloso do equipo, cre que o está conseguindo?

-Penso que agora temos uns sinais de identidade que non creo que tivésemos cando eu era xogador deste equipo. Aquí houbo equipazos, con xogadores como Renatinho, Cazuza, Purao... E o ascenso conseguímolo cun grupo de xente nova cunha filosofía de traballo que mantiveron ata o final. Encántame a cultura do Athletic de Bilbao, que sempre aposta por xente da casa e é o único xunto ao Barça e o Madrid que sempre estivo en Primeira con moitas menos posibilidades. É unha boa referencia para nós.

«Ninguén está libre de que lle pase o do Fuenlabrada por moi ben que faga as cousas»

Os burelistas volven ao traballo cinco meses despois do seu últimos partido, e aínda cheos de incertezas pola nova realidade.

-Como lles sentou un descanso tan longo?

-Estamos afeitos a desconectar só un par de meses no verán. Isto foi moi longo e o xogador, por natureza, está desexando empezar. Pero esas gañas temos que canalizalas para que non xoguen unha mala pasada. Temos que ter en conta que imos encontrar un calendario moi comprimido, e non podemos pretender encontrar o punto óptimo desde o principio. Pasarnos de intensidade ao principio pode condicionarnos moitas semanas.

-Van ser uns adestramentos distintos, non?

-Na loita contra o virus debemos ir todos da man. No noso traballo temos que cumprir, pero tamén cando saímos á rúa e deixamos de ser xogadores. Debemos manter todas as precaucións e a máxima responsabilidade. Ninguén está libre de que lle pase algo como o do Fuenlabrada por moi ben que faga as cousas.

-Cre que poderán empezar a Liga o 5 de setembro?

-Non quero poñer peros, porque é difícil acertar para todo o mundo. Penso que a Liga debera empezar unhas semanas máis tarde, poderíase poñer antes partidos de Copa do Rei ou outras competicións para chegar en mellores condicións.

-E cre que comezará con público?

-Visto que no fútbol de momento mantiveron todo a porta pechada, non creo que arrisquen con algo así. Haberá que esperar máis para volver a ver xente nas gradas.