Rubén Pinín: «O brote matounos; hai que animar á xente a vir en agosto»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O hostaleiro burelense sinala desde O Traste e o Contraste que urxen medidas «e plasmalas xa»

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalizado o estado de alarma, o covid deu unha pequena tregua á Mariña pero o rebrote posterior volveu a pechar a costa lucense reabríndose esta en tres fases: primeiro a comarca interior e O Vicedo e logo o resto salvo Burela, a última en saír do illamento. Entre outros sectores, a hostalería burelense sufriu consecuencias pero agora confía na recuperación. Así pensa Rubén Pinín, quen abría en 2012 O Traste e en 2017 o Contraste. Actualmente ten a sete empregados en ERTE.

-Como lles afectou o rebrote?

-Este rebrote, a nós matounos. Á Mariña en xeral pero máis a Burela, encima con toda a xente en idade entre 25 e 50 anos, que é a que sae (quizais houbo oitocentas ou mil persoas en corentena)e iso nótase moitísimo. Estamos a 24 [onte] e como o mes de xullo xa se nos foi temos que animar á xente a vir en agosto, enfocarnos en facer unha boa campaña a ver se en agosto podemos salvar un pouquiño o que é o verán e o ano, pois non esquezamos que antes xa foron 90 días pechados.

-Recuperar a confianza.

-O que prima é a saúde e o tema sanitario. Iso sen dúbida, pero tamén a economía ten que seguir funcionando e nós, turismo e hostalería en xeneral, somos un sector importante. Non só bares e cafeterías, os hoteis tamén o están pasando moi mal. Temos que dinamizar. Creo que hai tempo, temos agosto por diante e incluso en setembro, se fai bo tempo [comenta unha reunión do sector á que acudiu, co conselleiro, días atrás en relación coa solicitude de axudas, acadando un compromiso para dobralas e facer unha campaña forte na zona]

-Pero o covid vai máis rápido que as medidas anunciadas...

-Necesitamos medidas urxentes e plasmalas xa porque cando nos deamos conta... pasou agosto. Levamos un annus horribilis xa no sector hostaleiro, que é o que eu coñezo. Ainda que Burela nunca foi coma Foz ou Viveiro, que teñen máis influencia do turismo, é certo que ano a ano fomos pillando máis. Os meus negocios, precisamente, cando máis traballan é no verán.

«Sigo notando que a xente aínda ten reparo a entrar e prefire terraza»

«Son dos que pensan que o barco amarrado ao muelle non pesca. Entón, o pouco que fagas vas tirando para diante, con máis ou menos empregados (teño sete no Erte pero gustaríame que estiveran todos traballando). Agora cando fixemos o trimestre comparas o balance deste ano co do ano pasado e a realidade é que che apetece ‘pegarte un tiro’. Se facturas sete ou oito veces menos tes que reducir os gastos», indica.

-Como foi o ambiente en Burela no primeiro día de reapertura?

-Sigo notando que a xente aínda ten reparo a entrar dentro dos locais. É a miña percepción. Aquí de momento ainda non se pode acceder a barra, pero doume de conta de que prefiren só terraza. Tamén co horario de peche estamos limitados, e iso que agora podemos abrir unha hora máis.

-Como ve o que queda do verán?

-Son bastante optimista. Pero sendo realista, mal polas perdas que tivemos e son irrecuperables... e que nunca nos vimos nesta situación. O que hai é que concienciar á xente de que se pode vir a Burela e á Mariña.