Renato Lopes: «Quero ter unha longa carreira no Burela, é como a miña familia»

BURELA

PEPA LOSADA

Con só 22 anos, o canteirán xa supera os cen partidos ligueiros coa camiseta do Pescados Rubén-Burela e vén de renovar ata 2023

24 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Renato Lopes Furtado (Santa Catarina-Cabo Verde, 1997) medra ano a ano. Dende a base laranxa ata o primeiro equipo do Pescados Rubén-Burela, co que xa acumula 109 partidos de liga -51 deles en Primeira- e 34 goles. Vén de renovar ata 2023 cun club que seguirá na elite malia que era pechacancelas cando a crise sanitaria detivo a liga.

-Que tal leva a inactividade?

-De momento ben, na casa. Por sorte non teño falta de nada. Aínda que boto de menos moitísimo o fútbol sala. Normalmente teño un mes e medio ou dous de vacacións, pero agora van ser catro ou cinco. É demasiado.

-Lévano mellor sabendo que seguirán en Primeira?

-Saber que imos seguir xogando en Primeira División é unha ilusión moi grande, pero non era a forma da que queríamos conseguilo. Por honra, queríamos conseguilo na cancha, non por algo así, por estar o país en estado de alarma.

-Que balance fai da tempada?

-Sempre é difícil porque o cambio de Segunda a Primeira é moito máis grande do que parece. Todos os que estamos no equipo nos deixamos todo o que tíñamos e competimos ben en case tódolos partidos, pero é verdade que certas circunstancias non nos estaban sorrindo e os resultados non eran bos.

-Esas circunstancias fixeron que vostede actuase de peche en moitos partidos.

-Síntome importante sempre. Son un xogador de equipo e estou para o que me digan. Se me piden que xogue de pívot, fágoo; se hai que facelo de á ou de peche, o mesmo. Hai circunstancias que fan que sexa necesario asumir un papel ou outro, cando toca hai que apechugar e facer o que Juanma diga que é mellor para o equipo. Sempre que poida axudar, estou cómodo.

-Non obstante, custoulle máis que outros anos ver porta. Preocúpalle?

-Como calquera xogador, hai anos mellores e outros peores. O ano pasado en Segunda metín 15 porque deus me axudou, pero agora non entraban. Non me preocupa demasiado, sempre me considerei un xogador máis asistente que goleador. Prefiro dar o pase que marcar. Eu penso que nin sequera en xuvenís marcara tanto como a campaña pasada.

-Renovou ata 2023. No fútbol sala actual, non son habituais contratos tan longos. Séntese valorado?

-Agradézollo moito a Manolo (Blanco) e a toda a directiva. Aquí estou moi contento. Eu quero seguir moitos anos. Síntome moi a gusto. Foi rápido polas dúas partes. Chamáronme, dixeron que me querían renovar e non tiven que pensalo. Quero facer unha longa carreira no Burela, é como a miña familia.

-Dá a impresión de ser un xogador de sangue quente, competitivo, por iso a moitos lles sorprendeu o seu xesto tan deportivo no derbi contra O Parrulo.

-A nós os árbitros téñennos prexudicado, favorecido e de todo. Pero o árbitro é unha persoa que se pode equivocar como calquera outra. Eu son un xogador moi activo, non me gusta que me regateen... Son moi competitivo. Aquel día contra O Parrulo non o pensei, saíume así; o árbitro pódese equivocar, pero eu sempre trato de ser legal.

«Iago Míguez e Edu son referentes na canteira porque son bos xogadores e currantes»

Renato é un produto máis dunha canteira inesgotable. Iago Míguez abriu camiño e outros moitos veñen detrás incluso con citacións das categorías inferiores da selección española.

-Iago, Pitero, Hélder, Nito, Quelle... A canteira laranxa dá froitos.

-Iso é indiscutible. O nivel da nosa canteira é tremendo. Hai moitos chavales que van subir. E moitos que xa chegamos... Iago para todos nós é un referente, polo bo xogador e currante que é. Igual que Edu.

-Foron os que máis lle axudaron cando chegou ao primeiro equipo?

-Eles e Matamoros seguramente foron os meus maiores apoios, os que máis encima me estaban. Dicíanme que entrase forte, porque cando chegas de xuvenís vas con algo de medo.

-En que cambiou Renato desde que Juanlu lle fixo debutar con só 16 anos?

-Cos anos un faise máis serio. Cando era xuvenil o fútbol sala era un hobbie, pero agora traballo disto. Cambiou a miña mentalidade, teño que coidarme porque xogo en Primeira. Hai un salto moi grande.

-Lembra os seus inicios?

-Tería sete ou oito anos. Empecei no Barreiros, e aos dez anos foi cando empecei no Burela. Eu antes xogaba no parque, era o máis pequeno, con sete anos xogaba contra nenos de 15 ou 16. Aí aprendín a ir forte ao balón, a facerme valer.

-Creo que tamén probou de porteiro, non?

-Iso foi o primeiro ano que xoguei. Fun á selección da Mariña, faltaba un partido e quíxenme poñer. Foi por curiosidade, porque probara no fútbol e a portería era moi grande. Pero de vez en cando facías unha palomita e quixen ver que tal. Así foi que despois non me volveron levar.

-Xa comezaron a confeccionar o novo plantel de Primeira. Que cre que necesita o equipo para mellorar?

-Levaba tres anos con algúns dos compañeiros que se foron. Pope é como un irmán, de Luisma tamén aprendín moito... Pero o deporte é así. A quen veña recibirémolo con brazos abertos, temos un moi bo bloque.